Opinión

A sanidade rural á deriva

Verín non se pecha! A rotunda e afortunada consigna dos veciños verineses contra a desaparición do paridoiro do seu hospital pasou a converterse no símbolo da loita do mundo rural galego pola dignidade. Pero a indubidábel vitoria veciñal da comarca do Támega habería que matizala se consideramos polo miúdo o que acontece no hospital verinés. Por certo, non moi diferente do que sucede noutras comarcas rurais de Galiza, como Ferrol, Valdeorras, O Morrazo ou Fisterra, onde a escaseza de profesionais produce a saturación dos servizos sanitarios e o empeoramento da calidade asistencial, xerando un círculo vicioso que non se vai solucionar con simples parches circunstanciais por parte do SERGAS.

Un dos problemas da sanidade galega é a dotación insuficiente de persoal especialista, circunstancia que repercute negativamente en dúas direccións. Unha, producindo a sobrecarga do persoal sanitario existente (e, no seu caso, o colapso dos servizos), e outra incrementando as listas de espera. En definitiva, deteriorando ata límites inaceptábeis a atención ao paciente e a eficacia dos propios servizos.

Se estudiamos o estado do Hospital comarcal de Verín chegaremos á conclusión de que os problemas van máis alá do paridoiro e de que estamos diante dun problema estrutural. Fagamos un rápido repaso. Meses antes do problema dos pediatras desapareceu o servizo de Dermatoloxía. O de Medicina Interna dispón de seis especialistas, pero para que o servizo cumprise cos adecuados parámetros de calidade necesitaría de oito internistas. Cirurxía está actualmente en precario, só dispón dun cirurxián, pois un dos médicos acaba de trasladarse a outro centro e esa praza estase cubrindo momentaneamente cun desprazado de Ourense. O mesmo que ocorre con anestesioloxía, con persoal que se traslada ocasionalmente dende a capital. O servizo de Medicina Física e de Rehabilitación só dispón dunha especialista, a todas luces insuficiente para atender os enfermos de ictus, traumatoloxía, respiratorio, etc. De cardiólogo disponse dous días á semana, compartido co hospital do Barco de Valdeorras (vaia estrés!). En Radioloxía, a dotación de especialistas tamén é insuficiente e no período de vacacións están sometidos a unha enorme sobrecarga de traballo, retrasándose excesivamente as probas solicitadas polos demais servizos. O mesmo ocorre co servizo de enfermería, cun cadro de persoal insuficiente que se ve con frecuencia sobre-pasado coa carga de traballo.

Pero todo isto non ocorre por casualidade. A estratexia do actual goberno da Xunta é eliminar ou reducir determinados servizos dos hospitais do rural mediante “creativas” fórmulas administrativas. Así foi como naceu a área de xestión integrada (EOXI) de Ourense onde o Hospital de Verín comparte especialistas cos hospitais da capital, centralizando moitos dos servizos no CHUO (a 75 Km) cos resultados que acabo de referir. Esta é a maneira que ten Feijóo de dignificar e potenciar o rural? Ou de favorecer á privada? Esta estratexia de recorte dos servizos non é un problema de conselleiro ou de xerentes, só se cambia cambiando de presidente e de goberno.

Comentarios