Opinión

Sanidade pública-sanidade privada: outra volta de torca!

Resulta paradoxal que “médicos” que en teoría deberían representar a outros médicos están representando a empresas médicas de iniciativa privada. Como se explica que o Xerente do Sergas, e o representante do Colexio de Médicos de A Coruña, entre outros, asistan a un acto, organizado pola UIMP (Universidad Internacional Menéndez Pelayo) o 21 de maio do 2018, no Colexio Médico de A Coruña, e o único do que falen é de cambiar a “Lei de Incompatibilidades” (Lei 53/1984)?

De que estamos falando? De que médicos do sector público, que cobran por iso, poidan traballar na sanidade privada. Eles din que “se aplica a Lei ao talibán” (saberán eles o que son os talibáns) e tamén din que a Lei se aplica de “xeito discrecional” e que “o paciente perde o dereito a percibir unha mellor atención”. A verdade é que o paciente o que quere é que o atendan na Sanidade Pública con todas as garantías de eficiencia, e para iso están os responsables da administración e un presidente do goberno de Galicia, que deben velar por que os servizos sanitarios públicos funcionen.

De que estamos falando? De que médicos do sector público, que cobran por iso, poidan traballar na sanidade privada.

 

Para iso tense que prever o que está acontecendo e o que vai vir: xubilacións, falta de profesionais, aumento da atención privada na saúde... E para mellorar o servizo público sanitario, hai que investir cartos, tanto en especializada como en Atención Primaria. Tamén poñen como desculpa, como fixeron coa modificación da Lei de Saúde de Galicia, que “estaba obsoleta”. Pero con esta desculpa, meten todo o que lles interesa para privatizar o Sistema Sanitario Público Galego.

E que pasa coa Sanidade Pública? Por que non defenden que se invista no sistema sanitario público galego, para que ninguén teña que pagar nada máis do que xa paga por ser atendido na sanidade privada? E o que non ten cartos para facelo? Cal é a misión dun político-técnico responsable público? Defender a institución para a que traballa, ou defender a competencia?

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela e outras organizacións sociais, queremos denunciar a promoción que se está facendo da sanidade privada, feita polas persoas que máis deberían defendela. E que fai o sr. Feijoo? A aprobación no Parlamento Galego da modificación da Lei Galega de Saúde, en solitario polo seu partido, levou consigo estas prácticas de privatización (externalización) masiva de competencias que antes eran públicas, e, como consecuencia, ao deterioro sistemático dos servizos sanitarios e a desesperación dos profesionais.

Pois ben: agora queren dar unha nova volta de torca e queren modificar a Lei de Incompatibilidades, que levará consigo que os médicos que traballan na Sanidade Pública o fagan sen restricións na privada. Cal será a consecuencia? que os servizos públicos veranse resentidos pola dobre actividade dalgúns profesionais, que non lles importará que o seu servizo funcione como funciona, pois así terán máis clientes na sanidade privada onde traballan. Que se diga que o privado funciona mellor que o público é unha falacia que desmenten os feitos e os estudos que existen sobre este tema.

Agora queren dar unha nova volta de torca e queren modificar a Lei de Incompatibilidades

 

Fala, nese encontro, o sr. Ricardo De Lorenzo, presidente da Sociedad Española de Derecho Sanitario e asesor xurídico da Organización Médica Colegial, de que a Xunta: “ante la imposibilidad de cambiar la Ley de incompatibilidades a nivel estatal, HAGA, POR DECRETO, Y POR RAZONES DE INTERÉS PÚBLICO, UNA LEY EN GALICIA PROPIA...”; a verdade é que xa non teñen vergoña algunha e nin andan con eufemismos, van a por todas: eles queren unha parte importante da Sanidade Pública Galega.

Non permitamos un novo atropelo ao Sistema Sanitario Público Galego. Defendámolo de todo intento de privatización por parte do PP!

Comentarios