Opinión

Sanidade e financiamento

Resulta reconfortante observar o ímpeto mobilizador na Galiza a prol da sanidade pública. Normalmente apúntase aos recortes do gasto en sanidade e á privatización nos últimos oito anos como causantes do deterioro. Porén, cumpre tamén maior interese por saber como se financia un servizo público fundamental como este, tanto por parte dos dirixentes sociais e políticos, como da poboación en xeral. Neste aspecto, existe nula ou escasa preocupación e información. Velaí a causa de que haxa unha maioría social que acredite en que vivimos nun dos Estados máis descentralizados do mundo. O problema da sanidade, pois, non tería nada a ver co marco autonómico vixente, incluído o seu sistema de financiamento. Sería a mala xestión por parte de quen a controla. Esta crenza reducionista, limitada e conformista co marco abafa, en maior ou menor medida, a maioría do abano político galego. Malamente líbrase dela o nacionalismo político e sindical.

Emporiso un goberno alternativo ao actual vaise topar con que, desde 2009, inicio da crise, até 2017, suposta saída e inicio da recuperación, conforme aos datos de cantidades liquidadas, o sistema de financiamento vixente transferiu a Galiza, para atender os servizos públicos fundamentais (sanidade, ensino, protección social…), 14.061 millóns de euros menos do seu custe real. Se temos presente só o ano 2017, o orzamento liquidado polos devanditos servizos ascendeu a 6836 millóns de euros, mentres que o recibido do sistema de financiamento para esa finalidade foron 5531 millóns de euros. Como se ve, houbo un desfase de 1305 millóns de euros nun só ano. A Xunta ten que procuralos onde poida, e pode pouco, basicamente endebedándose (só nese exercicio en 2217 millóns). Da cantidade total do gastado nos servizos públicos fundamentais o ano en cuestión (6836 millóns de euros), corresponden á sanidade 3965 millóns, quedando o resto para educación (2218 millóns), servizos sociais e promoción social (538 millóns) e pensións non contributivas (69 millóns). Para termos unha idea da magnitude deste gasto dentro do conxunto do orzamento total liquidado da Xunta, tomando como referencia o mesmo ano, abonda con sinalar que o total do gastado en todas as competencias que ten a Administración Autonómica, ascendeu a 11.000 millóns de euros. Porén, os recursos totais achegados polo sistema de financiamento foron 7500 millóns de euros. Houbo un desfase de 3506 millóns. Cabe máis evidencia de que o sistema non ofrece suficiencia financeira para atender as necesidades fundamentais?   

Certo, hai mala xestión dos recursos públicos. Pódense racionalizar máis os gastos. Débese eliminar a tendencia a privatizar servizos, e  a endebedarse na banca privada , como fixo o cínico presidente que padecemos, no canto de recorrer ao Fundo de Liquidez Autonómica, en mellores condicións. Porén, necesitamos autonomía integral. Galiza debe controlar os seus ingresos fiscais e os seus gastos. Só de xestores servís, sen capacidade nin responsabilidade real de decidir sobre eles, os problemas tenderán a aguzarse. E nós seguiremos nun autoengano permanente nunha dialéctica política falsificada. Falamos das cousas de comer.

Comentarios