Imprimir

Sanidade estima para esta fin de semana o pico da pandemia na Galiza

Redacción / Europa Press | 25 de marzo de 2020

Vista exterior do hospital de Monforte (Foto: Nós Diario)
Vista exterior do hospital de Monforte (Foto: Nós Diario)

“Un número importante de casos” positivos corresponde a persoas que viaxaron co Imserso no último mes a zonas do Levante, Cataluña e Valencia.

A Consellería de  Sanidade estima para esta fin de semana o pico do número de novos casos de infectados en Galicia, e prevé que a curva comece a baixar entre o sábado e a cuarta feira, en función da evolución dos próximos días, polo que podería demorarse unhas xornadas máis.

Así o manifestou o subdirector  xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, Xurxo Hervada, quen matizou que se trata dun dos "posíbeis escenarios", porque o pico pódese atrasar en función da evolución, e xa que logo os contaxios destes días manifestaranse en entre "tres e seis xornadas”.

Hervada explicou que resulta "moi difícil" determinar, "aínda mirando o que sucedeu noutros lados, como China", cando en concreto terá lugar o pico, polo que puntualizou que un dos escenarios que manexan estímao para esta fin de semana, pero "podería ir un pouco máis aló no tempo”.

Por iso, incidiu en que "agora hai que extremar" as medidas de hixiene para lograr esa baixada de casos que se agarda para a próxima semana, así como manter o illamento social porque estes días "son os de máxima transmisión".

Para a detección de casos axustada á realidade, Hervada fixo fincapé na necesidade de contar con test dispoñíbeis para realizar á poboación.

Transmisión na Galiza

En relación ao tipo de transmisión actual na Galiza, este experto destacou que "é autóctona", aínda que revela algúns casos “importados”.

Respecto diso, aclarou que xa van "varias xeracións de casos autóctonos" por todo o país, un tipo de transmisión, destacou, que supón "un terzo do total de infectados detectados”.

Pola súa banda, o médico  preventivista do  Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) Antón Acevedo, apuntou a existencia “dun número importante" de casos de persoas que viaxaron co Imserso no último mes a zonas do Levante, Cataluña e Comunidade Valenciana. Por iso, matizou, a transmisión autóctona en Galiza "non é tan xeneralizada como noutras comunidades".

Letalidade de 1,6%

En relación á letalidade,  Hervada subliñou que no país representa 1,6%o, o que a sitúa como unha cifra "baixa" con respecto a outras comunidades como Madrid. Iso supón, valorou, "un pequeno alivio".

Sobre este aspecto, o doutor Acevedo matizou que a porcentaxe na Galiza resulta "bastante baixo" porque se fan test máis xeneralizados para aflorar casos, mentres que noutras zonas "xa non fan estas mostras" salvo en casos graves. "Aquí detéctanse máis sobre o total de casos que existe", apostilou.

Persoal sanitario infectado

Sanidade lembrou que na Galiza as e os profesionais infectados até a data de hoxe sitúanse en 125, entre médicos, persoal de enfermería e outros, o que implica 9% dos casos activos.

Respecto diso,  Hervada incidiu en que se traballa para "minimizar" as "exposicións de risco" dos profesionais sanitarios ao virus, para o que se usan máscaras e equipos de protección.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sanidade-estima-fin-semana-pico-da-pandemia-galiza/20200325165858093819.html


© 2020 Nós Diario