Mais a iniciativa da asemblea é resposta á masificación, recortes e reorganización da Atención Primaria que está no fondo dun dos máis graves conflitos dos moitos activos na sanidade pública. A dimisión dos xefes de servizo de toda a área sanitaria de Vigo foi o máis relevante dos feitos acontecidos, pero nin moito menos o único.
“Os profesionais están obrigados a atender as necesidades sanitarias da poboación”, lembra a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, “calquera reivindicación laboral debe respectar os cauces legais”. A realidade cotiá dos centros médicos de Atención Primaria é límite, e facultativos e traballadoras viñan avisándoo desde hai anos. Son as consecuencias das políticas da chamada austeridade dos sucesivos gobernos de Feixoo.
Este afirmou hai unhas semanas, na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, que non lle constaba un conflito na Atención Primaria. E, porén, todos os sindicatos con presenza no sector agás Satse -de enfermería- apoian a folga convocada para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril. Son xustamente a sobrecarga asistencial, derivada das retalladas orzamentarias, a “precariedade e o abandono” as causas últimas da protesta.