Opinión

Sangue, vida e morte na cara oculta do mundo

 

Cada día, miles de mulleres no mundo están nunha fase diferente do seu ciclo menstrual. Na pubertade, a chegada da menstruación marca un fito importante na vida de calquera nena: o corpo indica que xa está preparado para concibir (malia que o desenvolvemento psico-emocional vaia algo máis a modo e a educación sexual deixe bastante que desexar). Durante unha parte moi importante das nosas vidas (máis de 30 anos), as mulleres debemos convivir co noso ciclo menstrual, moitas veces sen chegar a coñecelo abondo.

 

A menstruación ten sido historicamente un tema tabú, asociado a impureza, sucidade e ocultación. A propia Biblia insiste nesta característica en varios dos seus Libros. No Levítico lemos: “Cando unha muller teña fluxo, [se] o fluxo no seu corpo é de sangue, ela permanecerá na súa impureza menstrual por sete días e calquera que a toque quedará inmundo ata a tardiña”. O Libro de Ezequiel di: “Pero o home que é xusto e practica o dereito e a xustiza, non come nos [santuarios dos] montes nin ergue os seus ollos aos ídolos da casa de Israel, nin macela á muller do seu veciño, nin se achega a unha muller durante a súa menstruación”.  Ata non hai tanto tempo, considerábase algo do ámbito privado, que debía ser agochado baixo calquera circunstancia. Mesmo a linguaxe cotiá desenvolveu eufemismos para non nomear este proceso fisiolóxico normal e asimilalo a enfermidade: “estar/poñerse/andar mala”, “estar co mes”, “ter visita”, “estar neses días”. Dalgún xeito, eses códigos sociais asociados ao innomeable transmitíanse de nais a fillas como parte da educación informal recibida no fogar.

 

Por moito que resulte difícil de crer, esta consideración da regra como unha maldición perdura en moitos lugares en pleno século XXI. Xapón, un país que concede desde 1947 ás mulleres traballadoras un permiso laboral por menstruación, considera que unha cociñeira non está capacitada para exercer como itamae (chef de shushi). O cociñeiro nipón Yoshikazu Ono explicaba en 2011 nunha entrevista que “ser profesional significa ter un sabor constante na comida, pero debido ao ciclo menstrual, as mulleres teñen un desequilibrio no seu gusto, razón pola que as mulleres no poden ser sushi chefs”.

 

En países de África como Malawi e Ghana, o período é algo segredo, do que non se fala nin sequera entre mulleres. A meirande parte das nenas non sabe que lles esta a pasar no momento en que lles chega a primeira menstruación e adoitan deixar de ir á escola, polo que perden oportunidades educativas. As compresas de celulosa son consideradas produtos de luxo debido ao seu elevado prezo. O habitual é fabricar substitutivos a partir de follas ou trapos vellos.

 

En Afganistán, un estudo do Ministerio de Educación  descubriu que máis do 70% das mulleres e nenas non se asea cando menstrúa por temor a contraer enfermidades e tampouco sabe que pode tomar fármacos contra a dor menstrual. En rexións rurais de Bolivia, existe a crenza de que as compresas usadas non poden mesturarse co lixo común porque provocarían cancro e outras enfermidades a toda a comunidade. UNICEF está a desenvolver un proxecto especial neste último país para ensinar ás nenas a manexar correctamente a súa menstruación na casa e na escola, erradicando costumes como almacenar estes residuos durante días para evitar desbotalos.

 

A India e o Nepal son países moi hostís para as mulleres, fundamentalmente por descoñecemento e crenzas relixiosas. As mulleres indias utilizan cachos de teas vellas, moitas veces mal lavados por falla de acceso á auga corrente, o cal provoca infeccións e outras complicacións para a saúde. As mulleres non poden ser tocadas por ninguén e soen quedar recluídas na casa. A versión máis extrema destas prácticas é o denominado chaupadi. Trátase de pequenas e precarias choupanas onde as mulleres son obrigadas a vivir mentres dure o seu período menstrual, lonxe da aldea, dos cultivos e do contacto con outras persoas para así esquivar posibles desgrazas colectivas. Os accidentes graves son frecuentes: mordeduras de serpe, inanición, deshidratación ou asfixia por acender lume para quentarse sen a debida ventilación. Non se sabe cantas mulleres morren cada ano por mor do chaupaudi (malia estar tipificado como delito desde 2005), porque a ninguén semella importarlle o que pasa coas mulleres na cara máis agochada do mundo. Esa que non sae nos documentais, nos noticiarios nin na prensa.

 

O sangue é vida, pero nalgunhas zonas do noso planeta, moitas persoas pagan un alto prezo simplemente por ter a capacidade de creala. Este percorrido amosa, unha vez máis a importancia de educación para converter ás mulleres e nenas en suxeitos libres con capacidade para protexer a súa saúde.

 

Na cerimonia dos Óscar deste ano, celebrada a finais de febreiro, o premio á mellor curtametraxe documental foi para Period. End of Sentence (Unha revolución en toda regra) da directora de orixe iraniana Rayka Zehtabchi. Producido por Netflix, conta a historia dun grupo de mulleres de Hapur (preto de Nova Delhi), que aprenden a fabricar compresas cunha máquina proporcionada por un grupo de estudantes. Visibilizar o período é fundamental, porque o que non se nomea, non existe. Pero tamén porque nacer muller non pode nin debe ser un pasaporte cara a submisión, a precariedade, a enfermidade e a morte. Porque hai unha metade do mundo que está muda e precisa, a berros, que alguén lle devolva a súa dignidade, sexa cal for o día do mes.

Comentarios