Imprimir

A sangría da emigración: 328.853 persoas abandonaron Galiza na última década

Xacobe Ferreiro | 15 de setembro de 2020

Un mozo, nun aeroporto (Daniel Urbina).
Un mozo, nun aeroporto (Daniel Urbina).
A emigración non dá tregua á Galiza. O pasado ano, 28.853 galegos e galegas abandonaron o país, repetindo a tendencia das dúas últimas décadas. O Estado español e o resto das nacións europeas son os destinos de referencia desta nova vaga emigratoria que incide de maneira decisiva no despoboamento. Texto Xacobe Ferreiro

O número de emigrantes en 2019 correspóndese coa tendencia dos últimos anos. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o pasado 31 de xullo, 28.853 persoas marcharon da Galiza con destino a outras áreas do Estado español. Así, 4.185 desprazáronse a Madrid, 2.452 a Catalunya, 2.140 a Canarias e 1.884 a Andalucía, até sumar 19.778 na totalidade dos territorios do espazo estatal.

Por outra banda, outros 9.075 galegos e galegas puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose a maioría destes nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.

Un total de 326.824 persoas abandonaron Galiza na última década. Os datos recollidos no histórico do Instituto Galego de Estatística certifican 213.511 persoas que marcharon entre 2009 e 2019 ao Estado español e 113.313 aos países do continente europeo, afectando especialmente esta importante saída de poboación aos grupos de idade máis novos, até o punto de que neste período emigraron máis de 80.000 persoas situadas entre os 16 e os 29 anos.

A maiores, este éxodo presenta unha nova fenomenoloxía, ao producirse a expulsión de residentes, mesmo nos momentos de crise do ciclo económico internacional, momentos tradicionalmente de retorno e que explican as alzas de poboación nos anos trinta, após o crack do 29, ou nos primeiros oitenta, tras o estoupido de 1973.

Unha nova emigración

As particularidades desta última emigración son obxecto de estudos por diversos expertos na materia. Así, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Isidro Dubert destaca que "a diferenza dos que partiron en 1950-1975 ou en 1886-1930, xa non son labregos que só saben ler e escribir, pois cando menos un de cada dous, ten estudos medios ou superiores".

Ao tempo, Dubert sinala que "a súa marcha constitúe unha notábel perda demográfica para un país no que as actuais xeracións de xente nova son moi pequenas a causa do impacto combinado das emigracións pasadas, do remate da transición demográfica e da modernización social acaecida tras 1975. Unha marcha, polo demais, non compensada pola inmigración de retorno, composta na súa meirande parte por xubilados, que pouco poden achegar no plano produtivo ou demográfico".

"Esta nova vaga migratoria de mozos e mozas, cuxa partida asume formas acordes cos novos tempos, tamén constitúe unha importante e inestimábel perda de capital humano, vista a súa franca cualificación e preparación laboral, que, sen dúbida, lastrará as posibilidades de desenvolvemento económico e social da Galiza", continúa Dubert, quen significa que "a sociedade galega se estea a reproducir socialmente hoxe a través da sistemática expulsión dunha parte da súa poboación e, sobre todo, que nesta ocasión esa parte estea composta por individuos que constitúen a xeración mellor formada do país".
O éxodo dos últimos anos explica o devalo demográfico da Galiza.

Así, Dubert considera que "as implicacións da emigración son moito máis graves que as do avellentamento", unha liña de análise que tamén partilla o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois, quen sitúa a causa do problema demográfico actual nas "emigracións masivas das décadas dos sesenta e setenta, que non teñen efectos inmediatos" e "no afundimento do vello complexo agrario".

Nesa mesma dirección, Xosé Constenla e Xosé Antonio Vázquez sinalan como na década de 1960, cando Galiza tiña 30.000 habitantes máis que agora, "se produce o grande cambio demográfico", sucedéndose desde aquela "episodios de estancamento, redución e leves recuperacións, que se tornaron xa nun descenso" a partir de 2011.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario do 15 de setembro de 2020, á venda nos quiosques e na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes facelo nesta ligazón]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/sangria-da-emigracion-328853-persoas-abandonaron-galiza-2019/20200914204808104974.html


© 2020 Nós Diario