Opinión

Sánchez e Iglesias dependen do soberanismo vasco e catalán

Comeza a despexar a néboa e a retórica rupturista perde folgos ante a realpolitik: Pablo Iglesias acaba de oferecerlle unha entente gobernamental a un partido ao que apenas uns días situaba no búnker coa dereita español.

Comeza a despexar a néboa e a retórica rupturista perde folgos ante a realpolitik: Pablo Iglesias acaba de oferecerlle unha entente gobernamental a un partido ao que apenas hai uns días situaba no búnker coa dereita española. Hai novo goberno socialdemócrata estatal no horizonte, unha coligazón entre a vella socialdemocracia do PSOE e a emerxente de Podemos e parceiros. A resistencia de Sánchez ante o sector máis dereitista e españolista do seu partido é meritoria e os arúspices demoscópicos findaron por convencer Iglesias que talvez unha repetición das eleccións non resolvería grande cousa, salvo se callar para fechar a xanela de oportunidade que se abría agora de tocar moqueta monclovita. Non será a da presidencia, mais a da vicepresidencia tampouco está nada mal para un partido que hai dous anos nen sequer existía.

Esta fin de semana, Sánchez e Iglesias abrirán negociacións. Non poden non entenderse. Sánchez, porque calquera outra hipótese o mata politicamente. Iglesias, porque sabe que este é o momento de se apresentar como a figura central da Nova Transición. Non falamos xa de ruptura, senón de reforma constitucional ordenada. Non falamos xa de referendo de autodeterminación, senón dun vaporoso ministerio plurinacional para En Comú Podem.

Non falamos xa de referendo de autodeterminación, senón dun vaporoso ministerio plurinacional para En Comú Podem

A coligazón de esquerdas ten 161 votos na Cámara: os 90 do PSOE, os 69 da confederación podemita e os 2 de Izquierda Unida. O bloco da dereita son 163: 123 do PP e 40 de Ciudadanos. Ergo, quen desempata?  Quen pode desequilibrar a balanza? Pois batemos outra volta cun clásico: serán as representacións xenuínas de Euskadi e Cataluya, o soberanismo vasco e catalán, os que determinen e condicionen a axenda política no Estado. Nada poderán facer o presidente Sánchez e o vicepresidente Iglesias sen o PNV, ERC e Democrácia i Llibertat.

Ten certa lóxica: sen a fortaleza soberanista o réxime do 78 non tería entrado en crise, así que o ticket Sánchez-Iglesias terá que ter moi en conta os soberanistas bascos do PNV (sen os seus 6 votos non sería viábel o goberno PSOE-Podemos-IU) e os independentistas cataláns de ERC e DiLL (sen as súas abstencións tampouco sería posíbel a mudanza de inquilino na Moncloa).

Euskal Herria e Catalunya, mais unha vez, ben colocados no cenario. E Galiza? Pois se nos atemos aos anuncios do hipotético vicepresidente Iglesias -que pediu un ministerio "plurinacional" para En Comú Podem nunha rolda de imprensa en que En Marea brillou pola súa ausencia-, está claro que as conquistas non van vir pola vía do cambio en abstracto e da converxencia entre os socialdemócras españois de antes e os de agora.

Comentarios