É a responsábel da xestora do PSdeG

Sánchez ficha a Pilar Cancela para formar parte dun hipotético goberno do PSOE

O líder do PSOE recreou na mañá do domingo un equipo de fútbol cos membros que darían lugar ao seu goberno no caso de ser elixido presidente. Entre as persoas que formarían parte do equipo atópase a galega Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG.

[Imaxe: PSOE]
photo_camera [Imaxe: PSOE]

A responsábel da xestora do PSdeG e número 1 do PSOE pola Coruña nas pasadas eleccións de decembro, Pilar Cancela, entra nos plans de Pedro Sánchez no caso de que estea en condicións de formar goberno. Pedro Sánchez tirou de símil futbolístico e levou a un campo de fútbol de Barcelona o seu cadro de futuríbeis ministros e ministras nun momento en que as enquisas apuntan a que o líder socialdemócrata non tería os apoios suficientes para gobernar.

No acto de presentación do hipotético goberno, Pilar Cancela sinalou a necesidade de achegar, desde Galiza, propostas sobre a pesca, a agricultura, a gandería e o desenvolvemento do rural. Así, apelou á “necesidade urxente” de darlle pulo aos sectores produtivos que perderon peso. O despoboamento e a crise demográfica foron outros dos factores apuntados pola presidenta da xestora do PSdeG no acto da mañá do domingo, no que tamén falou de I+D+i e do desenvolvemento sustentábel.

No equipo do que forma parte Pilar Cancela destaca a presenza de Josep Borrel (ausente no acto por unha viaxe), Jordi Sevilla, Margarita Robles e Ángel Gabilondo.

Comentarios