Sánchez apela ao estado de benestar e insiste en non fechar Madrid

Insólita estampa ofreceu a Cámara Baixa. O pleno desta cuarta feira, 18 de marzo, decorreu nun hemiciclo practicamente baleiro, con tan só cinco ministras, 23 escanos ocupados de 350, cinco membros da Mesa do Congreso, o secretario das Cortes, dous letrados, dous fotógrafos, unha bedel e unha taquígrafa. O Congreso tamén se protexe da COVID-19.
O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)
photo_camera O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)

Tratouse o desta cuarta feira, 18 de marzo, dun pleno extraordinario onde o presidente Pedro Sánchez tomou a palabra para informar sobre o estado de alarma e as medidas adoptadas para abordar a situación de emerxencia pola crise do coronavirus. O líder do Executivo comezou a súa intervención louvando a “xenerosidade da cidadanía. Unha sociedade que decidiu non renderse e resistir".

Sánchez anunciou que se presentarán uns Orzamentos Xerais para a “reconstrución social e económica” en canto se supere a crise.

“A resposta á COVID-19 non é estática e debe responder en función da fase na que nos atopemos”, dixo Sánchez

"Deberán ser uns Orzamentos extrasociais”, dixo, ao tempo que recalcou a necesidade de protexer o “estado de benestar, os servizos públicos e o sistema de saúde”. “A cidadanía debe sentirse segura, ninguén pode quedar atrás e nós temos que garantilo”, afirmou. “Unha boa sanidade require dun financiamento que só pode dar un sistema fiscal xusto”, recalcou.

O presidente adiantou que se tomarán novas medidas porque “a resposta á COVID-19 non é estática e debe responder en función da fase na que nos atopemos”, e confesou que “a pandemia desbordou as previsións de todos”. 

O peor está por chegar

O presidente pediu "unidade" a todas as forzas políticas e á cidadanía para superar a crise e reclamou "sacrificio" tras anunciar que "o peor está aínda por chegar", en referencia a que o sistema sanitario aínda non recibiu o impacto do pico de persoas contaxiadas polo coronavirus.

Pablo Echenique (Unidas Podemos) cualificou de "boa idea" a creación dunha comisión de estudo sobre a sanidade pública e o seu financiamento, que o propio Sánchez anunciou. Echenique chamou ademais a “seguir reforzando nos Orzamentos a sanidade”.

O líder do PP, Pablo Casado, ofreceu apoio a Sánchez, mais recriminoulle falta de “anticipación”. Xa haberá tempo de “dirimir responsabilidades e neglixencias”, dixo. Tamén afeou o presidente " a falta de autocrítica" no seu discurso. Após quedar practicamente só no PP cargando contra o Goberno desde que estoupou a crise, quixo Casado esta cuarta feira  emendarse, e chegou a asegurar a Sánchez que “atopará no PP máis lealdade que nos socios de investidura”. 

Iván Espinosa (Vox) ofreceu “un apoio crítico a Sánchez” ao tempo que cargou asegurando que o plan económico do Goberno "defraudou". Vox exixiu ademais a baixada de impostos. 

Gabriel Rufián (ERC) pediu fechar Madrid e Catalunya e un confinamento total da poboación nos dous territorios, ao seren estes os máis afectados polo contaxio. Porén, Sánchez volveuse negar e, a pesar de si fechar Balears e a fronteira terrestre do Estado con Portugal e Francia, insistiu en que "o coronavirus non entende de territorios". 

Blindar Galiza

O deputado do BNG Néstor Rego transmitiu ao Executivo a plena disposición do Bloque para colaborar en todo o posíbel para atallar a crise. "Mesmo se as medidas que foren adoptadas ou que, desgraciadamente non o foron, non gusten ou parezan insuficientes", dixo Rego, ao tempo que afirmou que "tempo haberá para  avalialas".  

Rego anunciou que o BNG "propón medidas construtivas e apoiadas no criterio de expertas e  experiencias precedentes como os casos de Wuhan e Lombardía". Así, propuxo illar os principais focos de contaxio, combinando co confinamento da poboación. Rego demandou fechar Madrid porque “continúa sendo necesario para evitar, como  graficamente expresaron algúns medios, centrifugar o contaxio ao conxunto do Estado”. 

O BNG denunciou que non fechar Madrid supuxo un auténtico golpe para a Galiza, onde se comprobou que 14 dos 15 primeiros casos confirmados en Vigo tiñan relación con Madrid ou que durante os primeiros cinco días, 70% dos contaxios procedían de Madrid. “Hoxe fechar Madrid, blindar Galiza é un clamor no noso país”, dixo Rego.

O BNG insistiu en que “blindar Galiza segue sendo necesario”, e recalcou que cortar a mobilidade é a mellor forma de cortar a cadea de transmisión.

Comentarios