Internacional

Pedro Sánchez afronta a votación de investidura con só dous votos de vantaxe

O candidato socialista apostou por "renovar" o Estado das Autonomías e "aclarar" competencias no seu discurso 

Adriana Lastra e Carmen Calvo con Pedro Sánchez na súa bancada no Congreso (Europa Press)
photo_camera Adriana Lastra e Carmen Calvo con Pedro Sánchez na súa bancada no Congreso (Europa Press)

O candidato do PSOE á presidencia do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, sostivo que é preciso "renovar" o Estado da Autonomías e "aclarar competencias"

O Pleno transcurriu segundo o previsto a respecto da posición dos grupos parlamentarios, agás no caso da deputada de Coalición Canaria, Ana Oramas. A sorpresa que supuxo o seu cambio de posición da abstención ao 'non' á investidura do candidato socialista reduce a só dous votos a diferenza entre os apoios e os rexeitamentos para Pedro Sánchez.

Na votación prevista para este domingo, véspera do día de Reis, o candidato socialista e presidente do Goberno en funcións ten garantido o apoio dos seus 120 deputados e deputadas, dos 35 de Unidas Podemos, dos 6 do PNV, dos 3 de Más País-Equo-Compromís e dos outros 3 que suman os representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG)Teruel ExisteNueva Canarias: en total, 167 escanos que non son suficientes para saír elixido na primeira votación, na que se exixe chegar á maioría absoluta (176 votos).

Por contra, o bloque do 'non' suma agora 165 escanos: os 88 do Partido Popular, os 52 de Vox, os 10 de Ciudadanos, os 8 de Junts per Catalunya, os 2 da CUP, os outros 2 de Unión del Pueblo Navarro (UPN), 1 de Foro Asturias, outro do Partido Regionalista Cántabro (PRC) e 1 máis de Coalición Canaria, cuxa deputada decidiu romper a disciplina do seu partido.

Durante o seu discurso de investidura Sánchez deixou clara a súa aposta pola "descentralización territorial" e mencionou a "España federal" dentro dunha "Europa federal", aínda que non chegou a anunciar expresamente a reforma constitucional que sería necesaria para lograr este extremo.

Sánchez comprometeuse a reunir con periodicidade anual a Conferencia de Presidentes e a sacar adiante o sistema de financiamento autonómico e tamén o local, para o que pediu colaboración á bancada da oposición.

A respecto de Catalunya, Sánchez avogou por "abandonar a deriva xudicial" e apostou polo "pacto" e a "negociación". "Non hai outra vía que a través dun diálogo que se desenvolva dentro da lei. A lei por si soa tampouco basta. A lei é a condición, o diálogo é o camiño", aseverou. 

Sanidade

Por outra banda, o socialista comprometeuse a elevar até o 7% do PIB estatal o investimento en sanidade durante a presente lexislatura. Así mesmo, anunciou a eliminación progresiva dos copagos, a incorporación da saúde bucodental ao Sistema Nacional de Saúde, garantiu unha sanidade universal e unha lei de eutanasia.

"E imos asegurar unha maternidade libremente decidida cunha política de educación, prevención de embarazos non desexados, facilitando os últimos métodos anticonceptivos, a anticoncepción de urxencia e a interrupción voluntaria do embarazo a todas as mulleres. Imos garantir os tratamentos de reprodución asistida a todas as mulleres a través do Sistema Nacional de Saúde", salientou. 

"España debe alcanzar un investimento sanitario equiparable á media dos estados da zona euro nesta lexislatura de modo que logremos o 7% do PIB en 2023", enunciou o candidato á presidencia do Goberno nun discurso de investidura de case dúas horas de duración.

Violencia machista

O candidato socialista tamén se referiu á loita contra a violencia machista e trasaladou que o seu Executivo "reforzará o apoio as mulleres que padecen esa violencia coa aprobación dun Plan integral de compensación, reparación e recuperación da autonomía" e sinalou que "suspenderán" o réxime de visitas de menores por parte de proxenitores ou titores legais que estean a cumprir condena ou sobre os que haxa medidas cautelares por delitos graves de violencia de xénero".

Ademais, Sánchez avanzou que traballarán por "erradicar a prostitución" e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, aprobando unha lei integral contra trata de persoas, e reforzando a protección dos menores fronte o acceso á pornografía. "Dicimos 'non' á xestación subrogada", sentenciou para anunciar que actuarán contra as axencias que ofrecen estes servizos.

Transición xusta para as nucleares

Noutro punto do seu discurso de investidura, o socialista comprometeus a poñer en marcha un Instituto de Transición Xusta para axudar ás comunidades afectadas polo peche da concas mineiras e centrais nucleares.

Sánchez indicou que se aprobará un plan integrado de enerxía e clima, co que se reformará o mercado de electricidade co fin de reducir a factura "sempre dando certeza a investidores antigos e futuros, non como ocorreu con anteriores administracións".

"Calquera acción terá como prioridade a transición xusta no novo modelo enerxético. Non pode quedar ninguén atrás nin haber perdedores", apostilou. Ademais, indicou que se aprobará unha Estratexia de Economía Circular para alcanzar o residuo cero en 2050 e os plásticos dun só uso, e un fomento do autoconsumo "sen sobrecustos".

Benestar no rural

Sánchez asegurou que defenderá a economía social de mercado, "tal e como estipula a Constitución", pero advertiu de que non cre nunha sociedade de mercado. Por iso, fixo un chamamento a "quen invoca o patriotismo" e que, ao seu xuízo, "deberían prestar atención ao público". "Ese é o patriotismo social", aseverou.

Por outra parte, Sánchez considerou "urxente" reverter a situación da coñecida como 'España baleirada’ e indicou que o futuro Goberno do Estado vai sacar adiante unha Estratexia do Talento Demográfico co fin de "consolidar o Estado de Benestar inclusivo en zonas rurais". 

Neste sentido, anunciou que poñerán en marcha medidas para dotar a estas zonas de internet con velocidade superior a 30 megabytes, ademais de mellorar as infraestruturas existentes e os servizos de transporte, ou garantir o acceso a atención sanitaria a domicilio. "Imos consolidar o Estado de Benestar inclusivo en zonas rurais", engadiu.

Memoria histórica 

Durante o seu discurso tamén apuntou a "reparación" que supuxo para a memoria das vítimas a saída do ditador Francisco Franco do Val dos Caídos e referiuse á recuperación "o máis axiña posíbel" do Pazo de Meirás, aínda en propiedade dos herdeiros do ditador para "devolverllo aos seus lexítimos titulares".  

Comentarios