POLÍTICA

Sánchez anuncia o retorno do turismo e as competicións deportivas

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que a volta do turismo estranxeiro a partir de xullo, a aprobación do Ingreso Mínimo Vital ou o retorno das competicións deportivas, así como o estudo dos falecementos en residencias e o decreto de 10 días de loito oficial.
Comparecencia de Pedro Sánchez este sábado 23 de maio.
photo_camera Comparecencia de Pedro Sánchez este sábado 23 de maio.

Como vén sendo habitual, o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, compareceu este sábado para comentar as últimas medidas e decisións tomadas pola seu executivo en relación á situación de emerxencia sanitaria. Entre os anuncios feitos, destaca a garantía de que haberá tempada turística estival.

Apelando ao “papel fundamental” da hostalaría e o turismo no conxunto da economía española, fixo unha chamada a turistas do territorio estatal a planear as súas vacacións xa desde “finais de xuño”. Mais tamén se referiu ao turismo estranxeiro, cuxa entrada no territorio español se permitiría a partir de xullo. Os responsábeis dos ministerios de Industria, Comercio e Turismo e Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana irán concretando os detalles nos próximos días, en colaboración con las comunidades autónomas.

Falecidas en residencias

O presidente tamén asegurou que, unha vez pase a pandemia, se fará un estudo dos datos de falecementos en residencias. Segundo confirmou, Sanidade tería xa solicitado os datos ás comunidades autónomas desde comezos de abril, mais non se fixeron públicos porque aínda estarían analizándoos.

O presidente tamén asegurou que, unha vez pase a pandemia, se fará un estudo dos datos de falecementos en residencias

Ademais, anunciou un loito oficial de 10 días, o “máis prolongado da historia da democracia”, en homenaxe a todas as persoas falecidas por mor da COVID-19, que se aprobará a partir da próxima terza feira.

Ingreso mínimo vital

Igualmente, Sánchez confirmou que o executivo aprobará a vindeira semana o Ingreso Mínimo Vital no Consello de Ministros. Corrobora deste modo o anuncio feito esta mesma segunda feira polo ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá.

Mais, segundo afirmou, non se trataría dunha medida transitoria enmarcada na crise actual, senón que funcionará como unha “prestación habitual, permanente, que xa existe noutros países de Europa, para reducir a taxa de pobreza”.

A contía dependerá do número de integrantes da unidade familiar e comezará a cobrarse no mes de xuño. A previsión é que a medida afecte a un millón de lares, a metade sen crianzas.

Volverá a Liga

O Goberno tamén autorizou a reanudación das grandes competicións deportivas profesionais, facendo especial fincapé no retorno da Liga de fútbol profesional o vindeiro 8 de xuño, sempre adaptando os eventos ás condicións que garantan a máxima seguridade.

O Goberno tamén autorizou a reanudación das grandes competicións deportivas profesionais, facendo especial fincapé no retorno da Liga de fútbol profesional o vindeiro 8 de xuño

A data escollida responde ao momento no que se prevé a entrada de boa parte do territorio estatal dentro da fase 3 do desconfinamento.

Nova prórroga

Malia a perda de apoios, o presidente contempla a posibilidade de pedir unha nova prórroga do estado de alarma ao Congreso, mais a decisión dependerá da evolución epidemiolóxica durante a próxima quincena. Con todo, Sánchez insistiu en que é o seu “deber”, considerando esta fórmula como “o único instrumento” que permite restrinxir a mobilidade da cidadanía e o seu dereito de reunión.

Comentarios