Historiador

Anselmo López Carreira: "Sánchez Albornoz e Castelao representan visións contrapostas da historia medieval"

Durante moito tempo, a existencia do reino da Galiza pasou desapercibida para a historiografía dominante. Aínda sendo discutíbel o seu significado desde o punto de vista político, á luz da documentación é innegábel que houbo unha entidade chamada Gallaecia que ocupou unha posición de centralidade na Idade Media no aspecto demográfico ou territorial. Anselmo López Carreira é coautor, xunto con Xosé Miguel Andrade, da última das achegas que analizan esta realidade, o libro O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria (Xerais). Publicamos unha longa entrevista con el no semanario Sermos Galiza.
Anselmo López Carreira (Imaxe:  Mark Zlick/Arquivo AELG).
photo_camera Anselmo López Carreira (Imaxe: Mark Zlick/Arquivo AELG).

Con que obxectivo se publica este libro? Como xorde?

Foi unha proposta que Isidro Dubert fixo a Xerais. É unha colección sobre a historia de Galicia e o noso libro é a primeira achega. Non é unha historia do reino de Galicia, senón un libro de divulgación sobre a existencia do propio reino e sobre o seu tratamento historiográfico, é dicir, sobre o seu esquecemento.

Ao comezo falan dunha polémica: Sánchez-Albornoz repróchalle a Castelao a súa castelánfobia e Castelao a Sánchez-Albornoz o seu excesivo castelanismo. Por que é significativa?

Os dous representan visións contrapostas da historia medieval de Galicia. Castelao non é historiador: bebe do que escribiran Risco ou Vilar Ponte, pero ten claro que Galicia ten unha historia de seu e reivindica, a través dela, a nacionalidade galega. Sánchez-Albornoz é a versión historiográfica da Xeración do 98, moi castelanista.

Sánchez-Albornoz recoñece que se chamaba Galiza a todo o noroeste da Península e Modesto Lafuente que ao reino de Asturias se lle chamaba Galiza. Mais iso non muda nada…

Ambos os dous recoñecen ese feito, pero en notas ao pé de páxina. Eles sabíano. As crónicas árabes chamaban a todo o noroeste Galicia, pero a historia oficial feita por Modesto Lafuente e despois por Sánchez Albornoz, xa no século XX e con máis fontes, opta por chamarlle reino de Asturias e reino de León.

A documentación, en realidade, é interpretábel, alén dos motivos ideolóxicos. Aparecen expresións moi distintas para definir os reis e os seus territorios.

É interpretábel, si, pero os motivos ideolóxicos pesan moito. Cando se comeza a facer unha historia académica normativa, a mediados do século XIX, non hai aínda unha historia de Galicia. O traballo de Murguía e Vicetto chega despois. A historia de España herda unha interpretación que vén de moi atrás, do século XIII, relacionada coa unión do reino de Castela co de Galicia-León e co proceso de hexemonización de Castela.

Os historiadores do XIX traballan coas crónicas do século XIII, sobre todo as feitas na corte de Afonso X, ou coas do XIV e XV, que salientan a historia de Castela por enriba dos demais reinos. Non é así no caso de Catalunya e Aragón, que teñen unha historiografía de seu moi potente. Ademais, Galicia pasa a ser xa o territorio da Galicia actual: non é a antiga Gallaecia, que tiña a capital en León. Modesto Lafuente continúa a tradición historiográfica do século XIII, que era a que había. Sabían que houbera un reino de Galicia, pero para eles era un título baleiro de contido.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña este sábado, 7 de novembro, Nós Diario, nos quiosques ou ben para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte ás distintas modalidades que achegamos]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios