Música

Samesugas volve ao estudio polo 20 aniversario

Os Samesugas, herdeiros do espírito máis punk dos 90, levan dúas décadas xuntos, efeméride que celebraron cun single en compaña de WillySucco Brother e coa promesa de dous novos traballos: un "disco de rarezas" e un próximo paso polo estudio. Mentres agardamos, hoxe atoparémolos xogando na casa, no Feito a Man de Compostela. .
A formación actual dos Samesugas con WillySucco Brohter (no centro).
photo_camera A formación actual dos Samesugas con WillySucco Brohter (no centro).

Samesugas é unha desas bandas que xa poderiamos chamar históricas, mais coa sorte de que seguen en activo. De facto, tocan hoxe dentro da programación do Feito a Man, unha cita que este ano, por mor da Covid-19, ten lugar no parque de Bonaval en lugar de situarse fronte aos distintos locais da zona vella compostelá, con capacidade limitada e billetes á venda.

Aínda que a banda celebra este ano o seu 20 aniversario, levan máis de dúas décadas tocando. "Hai que mirar moito para atrás", afirma Alberte Leis, ou Albert Cochran, como asina o último traballo, cando lle preguntan polas orixes dos Samesugas. "Foi no verán de 1999", di, cando comezaron a xuntarse "un grupo que xa nos coñeciamos da escena punk-hardore da Compostela da época".

Reuníanse así compoñentes doutras dúas bandas emblemáticas, Dirty Barriguitas e Fame Neghra, nun proxecto que naceu "sen moita pretensión, porque nos apetecía tocar xuntos", aínda que "ao  final o tempo fixo que fose o que máis durou de todos os que tivemos".

Criados nese hardcore underground dos anos 90, celebran as dúas décadas editando o single con WillySucco Brother, "vello camarada" co que xa colaboraran nos seus inicios

Durante todo este tempo editaron discos e compilacións na Galiza, Arxentina, Alemaña, Xapón ou Finlandia. A súa música mantense fiel ás orixes, allea a modas para reivindicar a esencia máis pura do punk baixo o principio do "faino ti mesmo".

Criados nese hardcore underground dos anos 90, celebran as dúas décadas editando o single con WillySucco Brother, "vello camarada" co que xa colaboraran nos seus inicios. El acompañaraos hoxe no palco, especialmente neses temas conxuntos que veñen de lanzar homenaxeando aos seus heroes Eddie Cochran e Gene Vincent.

"Fomos un grupo de composicións propias desde o comezo, pero sempre nos gustou moito facer versións, non renegamos delas", explica Leis. Pois ademais de para pasalo ben, emular os artistas favoritos permite moitas veces "aprender trucos ou outras cousas". Pero o principal sempre foi, e segue sendo, desfrutar.

Xogar na casa

O certo é que 20 anos dan para moito. "Tivemos os nosos máis e os nosos menos, pero se aguantamos tanto é que hai algo máis que un grupo", afirma Leis. Acumulan así anécdotas e historias varias, que os levaron, por exemplo, a facer noite no mesmo hotel que os irmáns Calatrava.

"Para levar 20 anos non fixemos tantos concertos, porque tivemos épocas máis paradas", comenta Leis

"Para levar 20 anos non fixemos tantos concertos, porque tivemos épocas máis paradas", comenta Leis. Con todo, suman máis de 200 actuacións que os levaron a percorrer a xeografía galega e tamén Portugal, Euskal Herria ou o resto da Península, ademais dalgunha escapada ao norte dos Pirineos.

Malia que sería difícil escoller entre tanta lembranza, coa vista posta no día de hoxe, o baixista confesa que "os do Feito a Man sempre foron especiais". E é que xogar no terreo propio nótase.

"Tocamos unha vez na porta do Bartolo, que é como a nosa casa, e foi espectacular", recorda. Hai tres anos tamén estiveron no ciclo, desta volta na zona C. "Esperamos que en Bonaval sexa parecido", di, a pesar do estraño de observar un concerto de punk co público sentado en cadeiras.

Volta ao estudio

Alén dos clásicos da discografía da banda, tocarán no parque algúns temas novos, en adianto do que será o seu retorno ao estudio. Ademais, segundo veñen de anunciar, tampouco demorará en ver a luz un "disco de rarezas" no que os Samesugas reunirán un feixe de temas perdidos en edicións pequenas ou que mesmo non chegaron a editarse.

O Feito a Man móvese a Bonaval

Trasladada ao espazo de Bonaval, a 16ª edición do Feito a Man trae actuacións só de bandas galegas. Os concertos inclúen dous grupos por noite, até o 15 de agosto, e son de pago. Udra, David Lojo Quartet, Papá Bocó, Bakin Blues Band e Stormy trucks xa pasaron polo ciclo.

A terceira xornada, que terá lugar hoxe, inclúe, alén de Samesugas, o blues psicodélico de Sr. Salvaje. Mañá o parque soará a ritmo máis tradicional, con Caldo e Habelas Hainas. O festival fecha o sábado con Viruxe e Bird Lives.

Comentarios