Opinión

Salvemos Trevinca

A terra que pisamos, os montes, as serras, as chairas, os vales, as bocarribeiras, as veigas, as devesas, as fragas, os soutos, as carballeiras, as gándaras, as cortiñas, as tomadas, as grobas, os cavorcos, os cons, os penedos, as furnas, os mil ríos e regatos, todos os accidentes xeográficos, son os ósos da alma, as entrañas desde as que crecemos. Non sermos conscientes desa relación, ignorala, é como descoñecer a nosa orixe, perder o vínculo coas nosas devanceiras. Vivirmos sen a forza das entrañas deshumanízanos ou, aínda peor, desanimalízanos. É perder pé. Todo forma parte dun proceso que conduce á perda de autoestima como pobo, comezamos por non nos querer como persoas, para non lles darmos valor a todo o que nos é propio: o corpo, a terra e a lingua. Xa non ollamos os cupos da familia, como di o poema de Avilés de Taramancos, para sabermos dos nomes das leiras ou das chousas que foron de nós, xa non sabemos de onde veñen eses nomes que chegan a nós. Neste proceso axudou moito o ensino, aínda axuda, empeñado en aprendernos para a construción do outro, do alleo, do poderoso cada vez máis rico. Un día o meu pai, na hora do xantar e no século pasado, díxonos: Todo o que nos contaron era mentira, o de Numancia era un conto e nunca nos falaron do monte Medulio, tampouco do meu monte, o Aloia. Para meu pai o máis fermoso do mundo. O ensino sucumbía unha vez máis diante dos tamaños, era cousa de aprender os nomes e as altitudes dos cumes máis altos do planeta.

O dos montes e o das serras é como o dos ríos, na miña escola parecían non existir, só Manzaneda, unha pobre estación de esquí. Cantos galegos e galegas saben neste século onde está Trevinca? Cando apareceu por primeira vez nun libro de texto? Sempre  fóra daquelas “enciclopedias” floridas que educaron á xeración do meu pai, fóra das que atadas ao franquismo educaron á miña xeración: Corpo, terra e lingua fóra da escola. A revolución é nomear, deixarse acariñar pola terra, andar. Benzón para os proxectos que renovan o ensino: Ríos,  Monte Vivo, Terra.

Chegar a Trevinca, abrazala, pola Ponte, descubrir o nacemento do Xares, perderse na selva do teixedal de Casaio, saber da cidade oculta, alcanzar unha cima e desexar chegar a outro bico, e logo outro, choutar pola serra Segundeira, sermos nada na Lagoa da Serpe, na do Celo, mollarmonos no círculo do Tera, perdérmonos pola Cabrera, pasar a noite no lago da Baña moi perto das estrelas. Como pode ser posíbel que este lugar volva estar ameazado? Despois das terríbeis trades das canteiras das lousas, a cobiza proxecta un parque eólico no Everest da Galiza. Sabemos que nada gañaremos coa explotación deste territorio, o silencio é cómplice. Susana Trigo, cita a Yann Arthus-Bertand: “Non cremos o que sabemos”. Velaí o problema. Sabemos que mexan por nós. Se non se coñece o propio, se non se valora,  non hai amor.

O poeta Lorenzo Varela desde o exilio na súa ofrenda aos franceses libres do nazismo, regálalles, el que nada ten, unha palabra, e con ela as entrañas e os ósos da alma, a que nomea o monte da súa infancia, da súa terra: Cairón. Eu regálovos outra, como prenda de amor, un talismán que nos salvará como pobo: Trevinca.

Comentarios