Os salarios cada vez pintan menos na economía galega. Por que?

A participación das rendas do traballo no PIB da Galiza caeu 6 puntos en 10 anos. Multiplica por 6 a media europea, onde esa caída foi de menos de un.

salarios

O peso dos salarios no PIB galego caeu en 5 puntos desde 2009 ao 2019 en paralelo ao proceso de aumento dos beneficios empresariais neses mesmos anos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país. 

En 2019, os salarios eran 43% do PIB e o excedente bruto de explotación e renda mixta máis de 48%. Case una década antes, no 2009, cando a crise comezaba a bater, as rendas do traballo representaban 48,6% e o excedente, 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos a favor dos salarios. Agora esa diferenza é de case seis e a favor do excedente bruto de explotación e a renda mixta bruta (aí entran os beneficios das empresas, o pagamento de intereses, a amortización dos factores de produción como a maquinaria, os alugueres...).

E é que en 2020 entrouse cos salarios na Galiza, en termos reais, 7% inferiores aos de 2009 segundo o Documento confederal da CIG para a negociación colectiva 2020. 

Así, a parte da riqueza do país que se destina a pagar nóminas é cada vez menos. Nestes anos concretouse un cambio de tornas. No PIB xa ten máis peso o excedente bruto de explotación e a renda mixta bruta , que os salarios dos traballadores. E antes da irrupción da Covid e da crise derivada da mesma.

A devaluación dos salarios, a temporalidade a precariedade son tres cuestións a ter en conta para entender este profundo cambio. Un cambio sen parangón na contorna: na Unión Europea, e durante estes anos, a perda de peso dos salarios dos traballadores no PIB foi de menos dun punto.

Así, en 2009 a participación das remuneración no PIB situábase en 48,3% e finalizado 2018 está por riba de 47.

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en por volta de 18 puntos, una perda de vertixe.

Un estudo publicado no seu día polo sindicato UXT sinala que as traballadoras e traballadores da Galiza perderon en tan só unha década 246,22 millóns de euros mentres o empresariado viu medrar os seus beneficios. Desde este sindicato criticaron que o “mercado laboral” do noso país e de baixa calidade a pesar do “crecemento económico que rexistrou a Galiza ao longo dos últimos anos”.

Comentarios