Opinión

Saírmos desta

[Xesús M Piñeiro] 

Hoxe é o día. Dous meses despois do inicio do estado de alarma e do confinamento, poderase saír da casa para algo máis que ir traballar, facer a compra, adquirir medicamentos ou ir ao médico. Poderase saír, cumprindo unha serie de requisitos, facer exercicio, pasear ou simplemente dar unha volta. Un alivio para moitas persoas.

Mais aínda fica outra saída, a verdadeiramente importante, que é como imos saír desta. A crise sanitaria estendeuse a crise económica e social, mesmo política. Cando a primeira parte da ecuación (a sanitaria) mingüe seguirá aí unha crise que, e non é novidade, non todas van pagar nin sufrir por igual.

Entre franxas horarias, distancias, tramos de idade e demais debates sobre como deberiamos poder saír hoxe á rúa; deberiamos poñernos tamén a falar dos criterios a establecer para afrontar esta crise. Trazar a liña vermella a partir da que dicir “por aqui, non”; acordar uns mínimos polos que non se toquen servizos públicos nin dereitos e polos que se garanta unha vida digna para todas.

A alternativa a iso supón volver reproducir o que pasou en crises anteriores e que non é unha novidade: que non todas van pagar nin sufrir por igual.

Comentarios