A corporación municipal felicítase pola incorporacion do Pazo ao Patrimonio público

Sada recorrerá o "estado posesorio de boa fe" ditaminado pola Audiencia da Coruña sobre Meirás

Sada anunciou este sábado que recorrerá o apartado da sentenza da Audiencia da Coruña sobre o Pazo de Meirás. Concretamente aquel que se refire a que os herdeiros de ditador eran "posuidores de boa fe". O concello insta ao Estado español, á Xunta e á Deputación e Concello da Coruña a que se sumen ao recurso.
2020111917125654447
photo_camera Imaxe de arquivo da auditoría realizada no Pazo de Meirás logo de desaloráreno os herdeiros do ditador. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Sada solicítalles ao Estado español, á Xunta da Galiza e a Deputación e Concello da Coruña que sumen á presentación de recurso contra a “liquidación de estado posesorio como posuidores de boa fe” dos herdeiros de Franco en relación ao Pazo de Meirás.

Aínda que se felicitan do fallo confirmatorio respecto do principal, a incorporación do Pazo de Meirás ao Patrimonio Público, o Concello de Sada recorrerá o apartado concreto relativo á liquidación do estado posesorio como de boa fe, e solicita expresamente que as outras partes, en especial ao Estado, formalicen tamén seus recursos en tal sentido.

Así é a súa resposta a confirmación da sexta feira por parte da Audiencia da Coruña en relación a que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado español.

Ratificábase así unha sentenza histórica acadada desde Galiza e que supón o paso ao patrimonio público dun inmóbel conseguido “coa represión do Estado fascista, da ditadura e do totalitarismo de Franco”, recalcan desde o goberno municipal de Sada.

A corporación mostra así a súa discrepancia dos fundamentos contidos na sentenza de Meirás, aínda que se felicita de que se manteña en pé o decisivo, “a incorporación do Pazo ao patrimonio público”.

O goberno local non comparte varias das consideracións contidas nos fundamentos da sentenza, e, moi especialmente,” a declaración como posuidores de boa fe dos herdeiros do ditador e a conseguinte incorporación ao fallo da obriga de liquidación posesoria en tal condición”.

Unha cuestión que obriga a abonarlles aos Franco os gastos necesarios senón tamén os gastos útiles e, moi especialmente, a consolidar a favor desa familia todos os ingresos xerados polo Pazo e non compensalos na liquidación. “Ou, o que é o mesmo”, explican desde o concello, “de acordo co fallo os Franco quedan cos ingresos e o Estado estaría a abonarlles os gastos desde 1975”.

Algo que  o alcalde de Sada considera non axustado a dereito, dado que, “tal e como recollía a sentenza do Xulgado, a posesión dos herdeiros do ditador debe ser considerada como de mala fe”.

Para o edil, manter que eran descoñecedores ou ignorantes da posesión ilegal do Pazo e das condicións nas que Franco o adquiriu e o gozou “non é críbel”.

“Os Franco non poden resultar beneficiados da posesión dun ben detentado ilegalmente desde a súa orixe, apropiándose  e consolidando os ingresos obtidos durante tantos anos. Franco actuou de mala fe e os seus herdeiros, tamén”, subliña o alcalde.

O goberno local lembra que a sentenza da Audiencia omite o feito de que o ditame da comisión de expertos, no que fundamenta parte da súa decisión,  contou cun voto particular do Concello de Sada, que, precisamente argumentaba a consideración posesoria como de mala fe. 

Comentarios