O sacrificio útil do guerrilleiro Botana

Hai 75 anos falecía nun enfrontamento armado na parroquia ordense de Santa Cruz de Montaos o guerrilleiro galego Manuel del Río Botana. Con motivo do aniversario do seu falecemento, que tivo lugar onte, recuperamos a súa figura no contexto da loita antifascista. A súa memoria continúa presente na comarca de Ordes.
guerrilla
photo_camera Guerrilleiros no congreso de constitución da Federación de Guerrillas de Galiza e León nos montes do Ferradillo en 1942 (Fundación Terra e Tempo)

Soubemos de Manuel del Río Botana, como de tantas outras cuestións da represión franquista e da resistencia democrática na comarca de Ordes, polas investigacións de Manuel Pazos Gómez. O historiador, en diversas publicacións, e moi particularmente no seu volume A Guerra Silenciada. Mortes violentas da comarca de Ordes, achegou as chaves do tempo político da II República e das décadas iniciais da ditadura e rescatou do esquecemento a memoria das vítimas.

Del Río Botana comezou a súa vida política coa II República. Sendo un mozo de 18 anos participou na resistencia ao golpe militar fascista na súa localidade, facendo parte das persoas que respondendo á chamada das organizacións locais da Fronte Popular tentaron parar a sublevación na rúa. Unha vez derrotada a resistencia na súa vila, foi detido canda ducias de veciños e veciñas o 30 de xullo de 1936 e trasladado ao cárcere de Santiago de Compostela, sendo sometido a un consello de guerra, onde varios dos seus camaradas foron condenados a morte e posteriormente fusilados contra os muros do cemiterio compostelán de Boisaca.

A estadía no cárcere de Del Río Botana alongouse durante cinco anos, permanecendo retido nas cadeas de Ordes, Compostela, A Coruña, Vitoria e Alcalá de Henares. Segundo escribiu Pazos Gómez, “Manuel del Río foi condenado a 12 anos e 1 día e os restantes a cadea perpetua, mais saíu en liberdade condicional en 1941”. Outro historiador de Ordes, Adrián Marzoa, explicou que Del Río foi xulgado canda 11 persoas que no procedemento xudicial apareceron como “simples executores”, “non exerceron funcións directivas” e “careceron de ideas políticas”.

A incorporación de Manuel del Río Botana á acción política clandestina produciuse tras retornar a Ordes, após a súa estadía carceraria e após cumprir o servizo militar nun batallón disciplinario de soldados e traballadores en Bilbo. Ligado polo dirixente guerrilleiro Manuel Ponte Pedreira, non tardou en facer parte do núcleo de enlaces e en participar das diversas accións executadas pola resistencia armada. Tras unha destas, viuse obrigado a agocharse na casa dun colaborador no lugar de Queis, na parroquia de Santa Cruz de Montaos, en Ordes, onde perdeu a vida nun combate contra a Garda Civil.

As circunstancias da morte de Manuel del Río Botana foron documentadas polo dirixente guerrilleiro Francisco Rei Balbís nun informe elaborado para a dirección do Partido Comunista Español en Francia. Segundo o mesmo, “atopábase nunha aldea das proximidades a onde se retiraran en pleno día após un golpe económico noutra aldea próxima, os camaradas Ponte (Manuel Ponte Pedreira), Costa (Antonio Nouche Costa) e Botana (Manuel del Río Botana). Un día pola tarde, unha patrulla da Garda Civil presentouse no pobo e tivo un combate con este grupo guerrilleiro, en cuxo desenvolvemento morreu o camarada Botana”.

Aínda non cumprira 27 anos e  o guerrilleiro estaba certo da derrota Franco tras o triunfo dos aliados na II Guerra Mundial e só desexaba a caída da ditadura para volver labrar as súas terras de Sar.

Comentarios