Joe Sacco desembarca na banda deseñada galega da man de Rinoceronte

A editorial de Cangas publica en galego dúas obras mestras da novela gráfica ou crónica xornalística deseñada: 'Gorazde, zona segura' e 'Palestina', do maltés-americano Joe Sacco. 

Joe Sacco

Joe Sacco é un dos grandes nomes da banda deseñada internacional. Nado nun pequeno país do Mediterráneo (Malta) vai desembarcar nestes días nun pequeno país do Atlántico (Galiza). E vaino facer a través de dúas das súas obras, posibelmente as súas mellores creacións; e grazas ao traballo e compromiso da editorial Rinoceronte e con tradución de Rafael Salgueiro.

Palestina: na franxa de Gaza ten 296 páxinas e o seu prezo será de 20 euros. A medio camiño entre a banda deseñada underground e a crónica xornalística, foi publicada de forma serializada desde 1993 até 1995. Sacco estivo máis de dous meses nos territorios ocupados, e desa vivencia tirou experiencias e opinións coas que foi tecendo o que moitos consideran unha pequena xoia da literatura do século XX.

Palestina é moito máis que un libro de banda deseñada. Nesas perto de 300 páxinas hai traballo de campo, crónica xornalística e relato de viaxes. Unha completa e documentada narración a través de cadriños para explicar o día a día da ocupación e humillación que sofre o pobo palestino. “Non son obxectivo, mais si honesto”, afirmou Sacco. Por este traballo obtén o premio American Book Awards en 1996. Na súa edición definitiva conta cun limiar a cargo de Edward W. Said

Guerra nos Balcáns

A outra obra de Sacco que se publica no noso idioma é Gorazde, zona segura. 240 páxinas en branco e negro que poderá adquirirse por 19 euros. Foi publicada no ano 2000 e aborda a guerra civil en Bosnia oriental. Por este traballo de banda deseñada, Sacco recibe o galardón Guggenheim Fellowship. @s lector@s son testemuñas, a través das páxinas deste documento gráfico que é Gorazde, de todo o horror que aniña nun conflito como o desatado nos Balcáns na pasada década dos 90.

Comentarios