Sabor a cumbia, punk e rap no Revenidas

A localidade arousá de Vilaxoán será o epicentro dos festivais galegos na próxima fin de semana do 17, 18 e 19 de agosto

5b6ae785aa-img_0738
photo_camera Festival Revenidas.

Un ano mais, a esplanada do porto pesqueiro de Vilaxoán acolle os concertos do Revenidas, que desta volta cumpre xa 15 anos marcando o compás da axenda festivaleira galega. Na vindeira sexta feira 17, Soziedad Alkoholika encabezará o cartel da primeira noite, após da cal virán actuacións como as de Tremenda Jauría –sábado 18– ou Russkaja –domingo 19–. O evento tamén contará con actividades de balde e zona para familias no parque de Dona Concha, anexo ao recinto de pago. Por outra banda, a praia do Preguntoiro será o escenario dub, que encherá de ambiente o areal durante os tres días.

O tamén chamado Festival das Linguas continúa nesta nova edición coa súa filosofía de conciliar os concertos de pago –que estarán divididos entre os dous escenarios habilitados para tal fin– cun abano de actividades gratuítas dirixidas a un público máis amplo. Deste xeito, o Revenidas contará cun área de food trucks, unha feira de artesanía, xogos populares e unha sardiñada popular –o sábado 18– na que tocarán Os Terribles de Arousa, Olodum do Coio, Coro Encaixe e Galifunk Brass Band. Ademais, as persoas máis miúdas poderán asistir á Gran Gala de Circo Flores contra el Olvido, unha obra do colectivo de clowns Pallasos en Rebeldía.

Alén disto, este ano o festival continuará coa iniciativa de Concertos A Bordo, unha oferta dirixida a un público reducido –no pasado verán, o límite de aforo era de 10 persoas– onde se poderá gozar de concertos a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional galega que navegará durante a tarde do sábado e do domingo pola Ría de Arousa. Alén de música ao vivo, as persoas asistentes a esta selecta viaxe poderán tamén gozar dunha degustación gastronómica de produtos galegos.

Tres días de festa a carón do mar

Con todo, o prato forte do Revenidas recaerá nas actuacións musicais. O Festival das Linguas comezará na sexta feira 17 coa actuación de Soziedad Alkoholika, os rapeiros xemelgos granadinos Ayax y Prok, a banda de celtic punk The Real McKenzies, os coruñeses Ezetaerre, Joan Garriga & Galactic Mariatxis, a banda de ska Balkan Bomba, os vigueses Keltoi! e Maria Türme DJ.

O sábado, punto central da festa, o festival será coroado co concerto de Tremenda Jauria, que traerán ritmos de cumbia-punk e reggaeton combativo desde Madrid. Canda elas soarán fortes as galegas Cuarta Xusta, o reggae de NH3, o hip hop de Glaukoma e mailo hard rock de Steve N’ Seagulls. Isaac Peces DJ será o encargado de clausurar cunha sesión unha noite na que tamén actuará o ex integrante de Barricada, El Drogas.

Por último, o domingo 19, o Revenidas despedirá a edición acompañado de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, el Diluvi, Auxili e The Dawlins. En horario de 12 a 18 horas, o Dub na Praia pechará tamén o seu escenario coa música de High Paw & Elephants Yard e King Sativa Sound, quen tamén actuará nos días previos canda Krak in Dub –o sábado 18 de 12 a 15 horas e de 16 a 22 horas– e George Palmer e North Patrol Sound System –a sexta feira 17, desde as 17 ás 22 horas–.

Aquelas interesadas en acudir a Vilaxoán nesa fin de semana poden xa adquirir o seu abono para o festival a través da páxina web –www.revenidas.com–. A entrada para os tres días ascende a 35 euros, mentres que a pulseira para un día solto custa 20 euros. A organización do Revenidas tamén habilitará nestas últimas semanas previas ao evento varios puntos de venda físicos onde poder adquirir as entradas. Ademais, o festival ofrece zonas de camping de balde, para as que haberá que reservar praza a través dun formulario disponíbel no mesmo sitio web.

Comentarios