“Sabiamos que viña forte pero non podiamos prever a magnitude” di o Goberno español do temporal

O Goberno do Estado defende que hai "previsión" e "coordinación" entre as diferentes Administracións públicas ante a situación de emerxencia que deixa a borrasca Filomena. Este domingo na Galiza seguirán as xeadas de madrugada e a sensación térmica será de frío intenso debido aos fortes ventos.
Nevadas intensas en Lleida, Catalunya (Foto: Europa Press)
photo_camera Nevadas intensas en Lleida, Catalunya (Foto: Europa Press)

O Goberno español defende que hai "previsión" e "coordinación" entre as diferentes Administracións públicas ante a situación de emerxencia no Estado provocada polas intensas nevadas que acompañan a borrasca Filomena.

Así o manifestaron este sábado, 9 de xaneiro, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o de Transportes, José Luis Ábalos, que compareceron para informar sobre a situación actual provocada polo temporal en varios puntos do Estado.

"Non estamos a pasar a bola duns a outros. Estamos a traballar coordinadamente, poñendo todos os medios conxuntos para satisfacer as necesidades", asegurou  Marlaska ao ser preguntado sobre se ningunha Administración se responsabilizaría das consecuencias do temporal.

Neste punto, destacou que "houbo previsión" e que iniciaron unha coordinación desde a quinta feira coas Administracións locais; e engadiu que a Unidade Militar de Emerxencia (UME) desprazouse a distintas zonas. "Hai unha previsión, hai medios, hai traballo", dixo.

Pola súa banda, o ministro de Transportes incidiu en que "agora é o tempo de traballar, empregarse, facer fronte a este temporal que a todos sorprendeu (...) Non se escoitou nesta comparecencia ningún reproche a outra Administración, nin acuse de competencias. Non botamos nada en cara, non é o xusto nin o conveniente", precisou.

Para o ministro, o conveniente agora "é traballar niso" e "remar xuntos", indicou.

Así mesmo, Ábalos recalcou que, aínda que o risco cero "non existe", en Transportes foi o dispositivo "máis ambicioso, mellor dotado e con maior coordinación até a data", ante un temporal do que non se podía "prever a magnitude".

Sabiamos que viña forte pero non podiamos prever a magnitude. Se non tivésemos esa previsión, advertencias e cortes de circulación poderían ser peores. Non se produciron máis problemas grazas á previsión e coordinación", afirmou.

Sánchez chama as comunidades e recomenda “máxima prudencia”

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, chamou este sábado as e os presidentes das comunidades máis afectadas pola borrasca, trasladándolles unha mensaxe de "máxima coordinación" entre as Administracións como principal ferramenta para loitar contra os efectos do temporal.

Segundo informou Moncloa, está eb contacto co presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, o alcalde vigués Abel Caballero, e co alcalde da cidade de Madrid, José Luis Martínez Almeida, un dos núcleos de poboación máis golpeados pola tormenta de neve. De feito, Renfe suspendeu este sábado todos os traxectos con destino ou orixe Madrid. 

O presidente do Executivo reiterou o chamamento á "máxima prudencia" ante a evolución do tempo nas próximas horas e ao cumprimento de todas as recomendacións realizadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o Exército, Protección Civil e os distintos corpos de emerxencias.

Galiza seguirá o domingo con sensación de frío intenso

Galiza estará este domingo baixo a influencia das altas presións e con ventos intensos do nordeste, que deixarán ceos de nubes e claros, máis despexados pola tarde no sur e no oeste.

En canto ás temperaturas, experimentarán un lixeiro ascenso, aínda que seguirán as xeadas de madrugada e a sensación térmica será de frío intenso debido aos fortes ventos que soprarán desde o nordeste.

Por cidades, a mínima será en Ourense, con cero graos, mentres que as máximas serán de 12 en Vigo.

Comentarios