O ministro británico de Sanidade, Matt Hancock, anunciaba hai uns días que detectaran unha nova variante do SARS- CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. Fontes británicas sospeitan que esta cepa podería contaxiar xa a máis dun milleiro de persoas en Reino Unido. O goberno británico tomou medidas de contención moi duras, principalmente en Londres, para tratar de frear a propagación da nova cepa.
É normal que un virus mute?
A mutación dun virus é completamente normal, non é nada extraordinario. O proceso de mutación é normal en calquera virus. De feito, desde que se detectou que o virus se estendeu aos humanos -en Wuhan a principios deste ano- identificáronse moitos diferentes.
Que é unha nova cepa?
Unha nova cepa é unha variante do virus que evolucionou cambiando algunhas das súas características. É un proceso normal en todos os virus
Cal é a diferenza entre esta cepa e as anteriores?
Nun comunicado, o Grupo Asesor sobre Ameazas de Virus Respiratorios Novos e Emerxentes (Nervtag), que asesora oficialmente o Goberno británico, anunciou que esta nova cepa pode estenderse máis rápido que outras variedades, concretamente até un 71% máis. Non hai constancia doutro cambio. A variante contén 23 cambios nun código xenético de 30.000 nucleótidos, moitos dos cales están relacionados con alteracións dunha proteína producida polo virus.
Como se descubriu?
A través dos análises das mostras e tamén estatisticamente, porque se viu que nos barrios onde predomina esta cepa hai máis persoas infectadas que nas outras. Na semana do 9 de decembro, determinouse que o 62% dos casos en Londres tiñan que ver coa nova variante, mentres que tres semanas antes só representaba 28% dos casos.
Provoca máis mortalidade? Afecta á eficacia das vacinas?
Actualmente non hai evidencias de que esta nova cepa cause máis mortalidade que as anteriores ou que afecte a vacinas e tratamentos. De feito, as vacinas xa se deseñaron tendo en conta que as mutacións son inevitábeis e tratando de previlas o máximo posible.
A distancia física pode ralentizar esta nova cepa?
Con esta nova cepa, a distancia entre individuos é aínda máis importante e necesaria, porque se o virus se transmite máis rápido, hai que intensificar as medidas para evitar o contacto.