Opinión

@s ninguén non usan Chanel nº5

A escasos metros de Carolina Herrera, Max Azria, Hoss Intropia e Tous gorécense do frío da noite decenas de persoas sen fogar. Dormen acubilladas nas marquesiñas dos autobuses da Praza de Pontevedra. Tanto ten que sexan as 23h que as 17h, porque as súas vida non se rexen polos horarios comerciais das exclusivas tendas da Praza de Lugo.

A escasos metros de Carolina Herrera, Max Azria, Hoss Intropia e Tous gorécense do frío da noite decenas de persoas sen fogar. Dormen acubilladas nas marquesiñas dos autobuses da Praza de Pontevedra. Tanto ten que sexan as 23h que as 17h, porque as súas vida non se rexen polos horarios comerciais das exclusivas tendas da Praza de Lugo. Apestan, atraen moscas e dan moi mala imaxe. Como ter uns elementos cheirentos, acompañados de bolsas plásticas putrefactas, tan próximos á “milla de ouro” coruñesa? Tanto ten que non teñan que levar a boca mentres ven pasar cada día señoras bañadas en Chanel Nº5 con bolsos e bolsos e mais bolsos cuxo valor excede dos mil euros. O realmente importante é limpar a rúa de persoas mendigas. Un Goberno municipal como o do Partido Popular non pode consentir que convivan na mesma rúa vestidos de festa de Victorio & Lucchino e xoias exclusivas de Swarovski coa sucidade das vagabundas. Por iso, nos últimos días, envía axentes da policía local a disuadir as indixentes de habitaren a Praza de Pontevedra. E as indixentes apenas fan caso. Non teñen nada que perder, agás a escasa bolsa que arrastran tres metros máis adiante en busca dun novo recuncho en que abeirarse dos chorros da auga a presión co que os operarios municipais, enviados polo concelleiro do ramo, “sanean” os bancos e o mobiliario urbano.

"As ansias do Goberno de Carlos Negreira por manter A Coruña “Wapa” (como rezan os lemas da campaña de márketing sexista do mes) non rematan en “limpar” de mendigas a rúa".

As ansias do Goberno de Carlos Negreira por manter A Coruña “Wapa” (como rezan os lemas da campaña de márketing sexista do mes) non rematan en “limpar” de mendigas a rúa. O PP tamén ataca as persoas en exclusión social que remexen nos colectores do lixo da cidade para atopar algo que comer ou que vender. Por iso, desde hai unhas semanas, se dedica a enviar a policía a denunciar toda aquela persoa que furga nos colectores do lixo baixo o pretexto do incumprimento da ordenanza  de xestión de residuos municipais e limpeza viaria.

Da venda ambulante tampouco gosta o PP. De aí que volva tirar man da policía local para atacar, sobre todo, as persoas inmigrantes. A ofensiva é tan descarada que o Goberno municipal aprobou inicialmente unha nova ordenanza fiscal que grava os decomisos. É dicir, a partir de 2014, toda aquela persoa á que se lle incaute unha mercadoría de venda ambulante terá que pagar un mínimo de 100 euros para poder recuperala, sempre e cando se trate dunha persoa “cos papeis en regra”. O grave é que o Goberno municipal advertiu no debate en Comisión de que non se trataba dunha medida recadatoria. Máis claro, auga: trátase dunha medida ideolóxica. Este imposto por decomisos representa a última das actuacións de acoso do Goberno de Carlos Negreira ao colectivo que se dedica á venda ambulante, nomeadamente, as persoas de nacionalidade nixeriana que venden, principalmente, panos de papel, caramelos e bolígrafos.  Que é senón racismo?

"Da venda ambulante tampouco gosta o PP. De aí que volva tirar man da policía local para atacar, sobre todo, as persoas inmigrantes"

Non todo van ser chorros de auga a presión para espantar mendigas, denuncias a quen remexe nos colectores nin sancións a quen se dedica á venda ambulante. A estes colectivos desfavorecidos, o PP ofrécelles como solución á súa situación de vulnerabilidade quitarlles toda a autonomía e capacidade de participación para os enviar a Padre Rubinos, Sor Eusebia ou Cáritas, entidades relixiosas ás que o Goberno municipal unta para facelas cumprir o labor do que se el mesmo se desentende. Deste xeito, a Consellaría de “Caridade” (Servizos Sociais) dedícase a practicar unha política de beneficencia no lugar de prestar unha política social e, con reiteradas axudas públicas a entidades benéficas, o PP pode alardear de gastar en emerxencia social á vez que satisfai o orgullo de todas aquelas señoras con olor a Chanel nº5 que, baixo o seu abrigo de astracán, se senten un pouco mellor ao poder axudar os “pobres” no local de Cáritas. E é que no seu afán por maquillar a realidade, “o PP non loita contra a pobreza, loita contra os pobres”, como acertadamente ilustrou a concelleira do BNG María Xosé Bravo cando comparou A Coruña “Wapa” que quere construír Carlos Negreira co Madrid antisocial de Ana Botella. 

Huesca, Valladolid ou Madrid son algunhas das cidades que, gobernadas polo PP, multan a mendicidade. Mais non nos confundamos. O acoso as persoas máis vulnerábeis non é só propio do PP. O PSOE tamén tratou de levar adiante a súa política “antimendigos” en Benidorm. Porén, a presión social fíxoo recuar. Está nas mans de todas nós impedirmos o inxusto ataque as “ninguén”, aquelas persoas que non usan Chanel Nº5 sobre as que escribiu Galeano: “as fillas de ninguén, as donas de nada”… “As ninguén, que custan menos que a bala que as mata”.

Comentarios