Opinión

Sánchez decidirá se hai terceiras eleccións

Hai un gañador indiscutíbel, hai un tipo que empata e hai un perdedor. O gañador é Rajoy, o tipo que empata (e que talvez sobreviva politicamente) é Sánchez e o perdedor é Iglesias. Podemos lucubrar o que queiramos, mais ante todo fagamos unha simples adición: o bloco de centro-direita español suma 169 escanos, entanto que a suma PSOE-Podemos-Confluencias dá 156. Non hai máis. Si, hai outro ghicho ao que non lle foi nada mal. Rivera tamén safa e consolida un espazo centrista que pode dar muito xogo no futuro (basculando ora á esquerda ora á direita).

Hai todo iso e sobre todo hai un tipo que é secretario xeral dun partido que ten que tomar unha decisión. É Pedro Sánchez. Contra prognóstico, contra os inquéritos, freou o sorpasso. Non só iso, senón que mesmo incrementou a percentaxe de voto. Freou o sorpasso de Iglesias e á vez freou o sorpasso de Susana Díaz. Vivo e de pé no cuadrilátero ten que tomar agora unha decisión desas que te poden mandar ao faiado da historia ou entronizar como un grande líder político: ou permite que Rajoy faga goberno con Rivera -bastaría que se abstivese- ou dá paso a unhas terceiras eleccións. Non hai outra hipótese politicamente sustentábel.

Sánchez freou o sorpasso de Iglesias e á vez freou o sorpasso de Susana Díaz

Un comentario para o perdedor. Voltamos a ter a enésima proba de que en política 2 + 2 non son 4. Unidos Podemos non puideron. Tempo haberá para facer unha análise demorada mais intuitivamente acho que boa parte do voto de IU non avalou a súa absorción por unha forza política que até hai dous telexornais atacaba a plataforma do PCE por a considerar antediluviana. A abstención de boa parte do eleitorado tradicional da marca liderada por Alberto Garzón talvez explique por que Unidos Podemos tivo por xunto menos votos que a suma de Podemos e IU por separado.

Poñamos agora o foco na Galiza. Impresionante o resultado do PP, que o coloca como claro favorito para as galegas de outono. Na Galiza si que houbo sorpasso, do PSOE a En Marea. En Marea pagou a súa errática traxectoria no Congreso, desdebuxada e integrada excesivamente na engranaxe podemita. O BNG caíu a respeito do voto de Nós. Normal se temos en conta que o eleitorado, nunhas eleccións tan disputadas, quería optimizar o seu voto, isto é, viralo en aproveitábel a efeitos de tradución en escanos, no contexto dunha campaña enormemente españolizada. Con todo, o BNG pode pensar razoabelmente que o voto perdido por En Marea rumo ao PSOE nas xerais pode traducirse en papeletas soberanistas nas eleccións galegas. Hai aínda partido para o Bloque, nomeadamente se é quen de encher de contido práctico o seu proceso de Refundación, alargando a súa base social. O prometedor liderado de Ana Pontón, con moito potencial por diante, é tamén un ponto a favor da forza nacionalista.

O sistema (xa saben, o IBEX 35, a Comisión Europea estarrecida polo Brexit, o duopolio televisivo Tele5-Cuatro-Antena3-LaSexta...) premerá Sánchez para evitar o insólito espectáculo dunhas terceiras eleccións

En fin. O desempate non desempatou nada e deixou un novo hung parliament, un Parlamento pendurado. Arrisco un prognóstico: o sistema (xa saben, o IBEX 35, a Comisión Europea estarrecida polo Brexit, o duopolio televisivo Tele5-Cuatro-Antena3-LaSexta...) premerá Sánchez para evitar o insólito espectáculo dunhas terceiras eleccións. E Rajoy perdurará, con Rivera como vicepresidente.

Tampouco é tan estraño, se o PP gañou a campaña (lembremos, o foco estaba posto en quen ía ser segundo, non en quen ía ficar como primeiro), o lóxico é que gañase tamén as eleccións. Derrota clara de Iglesias, a quen sempre se lle lembrará que ao non votar no seu momento a investidura de Pedro Sánchez deixou politicamente vivo a Rajoy: craso erro subestimar a Mariano.

Comentarios