Ruxe Ruxe e o orgullo rock da aldea

A veterana banda de Aríns edita o seu décimo primeiro disco
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Ruxe Ruxe nunha foto promocional do seu novo disco. Imaxe: cedida.

Poucas bandas do rock galego e en galego poden presumir de 24 veráns sobre os escenarios e case unha ducia de traballos na discografía. Talvez só unha, procedente da periferia compostelá, no ronsel do movemento bravú e practicante de rock punk: Ruxe Ruxe. Esta sexta feira, 14 de febreiro, estrean na Sala Capitol de Santiago o seu décimo primeiro disco, O estraño falar dun monstro de aldea.

Os Ruxe formularon o seu novo traballo como un regreso ás raíces. E, no seu caso, as raíces non difiren moito da planta actual: punk rock, ecos oi, ángulos ska. O que vén sendo declinar as teses estabelecidas por The Clash en London Calling (1979). "Neste disco estamos máis preto dos inicios. Nótase moito o rock radical vasco, os Clash, os Pogues, Rancid, o bravú, o que nos molou sempre", explica a Nós Diario Vituco Neira, cantante e guitarrista, "quizais sexa a nosa gravación máis clara en canto a influencias". Rexistrárona en Andoáin (Euskadi) co mítico Kaki Arkarazo, de Negu Gorriak ou Nación Reixa. E prescindiron da cacharrada dixital: "Fixémolo case sen ferramentas informáticas". Como cando, en 1999, publicaron o seu debut homónimo.

"O monstro da aldea é unha pequena metáfora sobre as cousas que non queremos ver e están alí", di, sobre a proposta lírica, "ao tempo, queremos deixar ben ás claras quen somos, de onde vimos". Un grupo de traballadores do rock & roll axuntado entre Aríns e Angrois, no rural da capital da Galiza, vén resumir Neira. "É certo que somos unha aldea atacada pola cidade de Compostela", entende, "pero temos concepto de aldeáns, vida de aldea, por máis que mudara moito nos últimos 20 anos". A febre do tixolo chegou ás parroquias, pero a crise parouna en seco: "Seguimos sendo unha aldea", malia todo.

Nun galpón do lugar ensaian Ruxe Ruxe practicamente todas as semanas. Ademais de Neira, fan parte da formación en curso outros dous fundadores, Xaco Barona (gaita) e Xan Rico (saxofón). Xulia Neira (baixo), David Barbas (guitarra) e Iago Jorge (batería) como incorporacións recentes completan o cadro. Activos desde finais dos 90, a dicir de Vituco nestas décadas "non mudou a ilusión, nin as ganas, o grupo é un xoguete intacto. Pero mudaron moitas outras cousas".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios