O rural pide mudanzas para 2020

O agro galego abandona 2019 en mala situación e as perspectivas de cara ao 2020 non semellan boas. Abandono de explotacións e falta de planificación da Xunta son algúns dos problemas. Falamos coa Federación Rural Galega e o Sindicato Labrego Galego para sabermos como foi o ano que remata e augurar como será o vindeiro.

agro rural CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola'

A paisaxe galega de país agrario esmorece. Os datos son contundentes e na Galiza a superficie agraria útil apenas é máis de 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. Como exemplos temos a Alemaña ou Francia que superan 40%. No informe  Por unha política xusta e sostíbel, elaborado por diferentes colectivos e entidades do Estado entre as que está o Sindicato Labrego Galego (SLG), atopamos que na primeira década deste século na Galiza se abandonaron 37.050 explotacións agrarias. Todo isto nun momento de incerteza no que se está a decidir a defensa ou o abandono dos sectores produtivos que vertebraron durante séculos o noso territorio

Abandono do rural

O abandono do rural é unha evidencia. Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros de Federación Rural Galega (Fruga), confirma a Sermos Galiza con cifras esta idea. "Agora hai menos de 30.000 persoas pagando o censo agrario en toda Galiza cando a principios de século era moito máis", asegura. Somoza achega outra cifra alarmante nun sector importante como o lácteo. "A principios de 2019 había 7.593 explotacións de leite e a estas altura de ano quedan 7.212", apunta.

As dificultades para vivir no rural teñen moito que ver coas eivas diarias da súa poboación en materia escolar, sanitaria ou de transporte

Hai varios factores que provocan esta situación. Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, cre que o abandono do traballo agrario vai parello ao abandono de poboación que padece o rural galego. "Unha constante en todo 2019 foi a progresiva problemática cos servizos", relata a Sermos. As dificultades para vivir no rural teñen moito que ver coas eivas diarias da súa poboación en materia escolar, sanitaria ou de transporte. "Hai un deseño planificado de concentrar a poboación no Eixo Atlántico e nas cidades e no resto eliminar servizos", sentenza Vilalba, e vemos que non se pensa corrixir", engade.

Cando se favorecen grandes grupos empresariais

Para os dous sindicatos a planificación que está a facer a Xunta da Galiza a través da Consellaría de Medio Rural evidenciou este 2019 a aposta do Goberno galego por favorecer a implantación dos grandes grupos empresariais en detrimento das pequenas explotacións agrícolas. "As políticas da Xunta van polo camiño de plantar eucaliptos, é a materia prima que está a nutrir a Ence", afirma Somoza, "planifican así o futuro dos montes e das nosas terras agrarias".  A secretaria xeral de SLG pon como exemplo "as medidas para a gandería que favoreceron os proxectos vinculados a producións de cebadoiro como as que teñen que ver con Coren".

Parello a este tema está o das consecuencias para o medio ambiente que prexudican as explotacións agrarias galegas

Parello a este tema está o das consecuencias para o medio ambiente que prexudican as explotacións agrarias galegas. "En 2019  houbo unha progresiva modificación lexislativa para favorecer grandes proxectos de minas", explica Luisa Vilalba, "agora abre unha planta en Teixeiro (Curtis) que vai destinada a queimar combustíbel de orixe forestal e sabemos polo menos que non será todo de corta e terán que contar con cultivos forestais", afirma. Vilalba pensa que neste caso "teremos unha Ence 2 aínda que o vistan doutro xeito".

A incógnita de 2020

Para SLG e Fruga o ano vindeiro ten que ser o das mudanzas que corrixan o mal camiño que está a levar Galiza en relación ao seu rural. "En 2019 deuse un paso máis no esmorecemento do rural galego, en 2020 ou muda tendo en conta o potencial que temos ou seguiremos vendo que as Administracións só aparecen cando hai eleccións", afirma Vilalba.

2020 ten que ser o ano en que se trate de maneira seria o problema da desertificación do territorio e a emerxencia climática

A falta de diálogo da Xunta desespera os sindicatos. "Non temos nin consenso amplo para protexer un mínimo de 1/3 do territorio para os activos agrarios e gandeiros", asegura Vilalba, "aquí seguimos a falar de que quere facer Ence, que quere facer Coren ou o grupo empresarial que teña boas relacións coa administración", afirma a Sermos.

Ambos sindicatos coinciden en que 2020 ten que ser o ano en que se trate de maneira seria o problema da desertificación do territorio e a emerxencia climática. "O cambio no clima semella que non existe e hai que protexer a terra fértil", afirma Vilalba, "fálase de que máis de 60% vai sufrir un proceso de desertización e aquí seguimos plantando eucaliptos".

Desde Fruga lembran que 2020 será un ano clave "pola aprobación dunha nova Política Agraria Común (PAC) na Unión Europea". Somoza lembra a reivindicación de que esta axuda "vaia a parar á xente que de verdade vive da agricultura, a que ten máis do 50% de ingresos da procedentes da renda agraria". A nova PAC será decisiva e definirá que pasará cos prezos do leite.

Comentarios