Opinión

Rouco Varela e a última cruzada

Hai apenas tres meses, o 9 de decembro, Franza conmemoraba os 108 anos da lei sobre a separación entre Igrexa e Estado. Desde a Lei de 9 de decembro de 1905, a Franza é un Estado laico e o secularismo converteuse definitivamente en principio constitucional coa Constitución do 27 de outubro de 1946.

Hai apenas tres meses, o 9 de decembro, Franza conmemoraba os 108 anos da lei sobre a separación entre Igrexa e Estado. Desde a Lei de 9 de decembro de 1905, a Franza é un Estado laico e o secularismo converteuse definitivamente en principio constitucional coa Constitución do 27 de outubro de 1946.

"O arcebispo dixo que non van aforrar esforzos para manter un "estado permanente de misión" e fixo referencia ao aborto considerándoo “prácticas desleais "autorizadas” pola lei en España"

Hai apenas unhas horas, o derradeiro discurso de Rouco Varela como presidente da Conferencia Episcopal foi  o exemplo máis evidente de como a igrexa católica, a xerarquía, non está disposta a participar na construción dunha sociedade onde a liberdade de pensamento e de culto sexan pedra basilar do seu funcionamento.

Nese discurso de apertura da Asemblea Plenaria  que ha de elixir un sucesor para Rouco, as liñas mestras foron as de sempre, mais ditas, se cabe, con máis énfase e con clara vontade de interferencia nas competencias do poder lexislativo e, xa de paso, na vida privada das persoas. Centrándose nos clásicos temas da "crise profunda" da familia e o matrimonio, o arcebispo dixo que os bispos españois non van aforrar esforzos para manter un "estado permanente de misión" (lembremos que a igrexa entende por misión a missio canonica, isto é, a catequese). E, como xa é habitual, Rouco Varela tamén fixo referencia ao aborto considerándoo “prácticas desleais "autorizadas” pola lei en España.

"O outro tema no que Rouco centra os seus dardos é o tema do nacionalismo. Na realidade, non se refire ao nacionalismo, senón ao “separatismo”" 

O outro tema no que Rouco centra os seus dardos é o tema do nacionalismo. Na realidade, non se refire ao nacionalismo, senón ao “separatismo” que el define como "propostas políticas para a disolución unilateral da unidade da cultura e da política" que causan preocupación e que, segundo a doutrina da Igrexa "non son moralmente aceptábeis”  

Lealdade, moralidade.  Xuízos ás conciencias e sobre as persoas impropios dun líder relixioso que proclama, na homilía do funeral polos mortos do 11M, perante todo o staff político do Estado e acompañado co himno oficial a soar na catedral da Almudena, que “a sociedade enteira, especialmente os seus líderes, están chamados a construír a comunidade política e a convivencia social sobre os fundamentos éticos dos dereitos fundamentais da persoa humana, a respectar e promover a dignidade e solidariedade e unidade entre todos os cidadáns”

Retórica pura, que manipula o discurso en función das circunstancias mais sempre cun único fin: a conservación duns privilexios e de unha posición de control sobre a vida pública e sobre as conciencias que permita, mesmo, que actos penalmente puníbeis pola xustiza, como as prácticas de abusos a menores,  fiquen reservados para a xustiza divina. 

Xa se sabe que  unha cousa é predicar e outra dar trigo.

Comentarios