O Rotogal Boiro Voleibol estréase na Copa hoxe ante o CV Guaguas

A escuadra galega debuta no torneo do K.O.
O Boiro, a por todas nas Canarias. (Foto: Rotogal Boiro Voleibol).
photo_camera O Boiro, a por todas nas Canarias. (Foto: Rotogal Boiro Voleibol).

Esta sexta feira comeza unha nova edición da Copa do Rei de Voleibol con participación galega.

Despois do bo papel desenvolvido polo Arenal Emevé o ano pasado, caendo nos cuartos de final da última edición no tie-break ante o poderoso Eivissa Vóley, agora é a quenda do Rotogal Boiro Voleibol.

A cidade de Las Palmas de Gran Canaria, e concretamente o Centro Insular de Deportes, é o escenario elixido para a disputa dun torneo do K.O. no que competirán os oito mellores equipos da primeira volta da Superliga masculina, tras oito edicións nas que foron seis os conxuntos que loitaron por facerse co prestixioso trofeo.

A última ocasión na que foran oito as escuadras participantes na Copa do Rei tivo lugar en Teruel no ano 2012, cidade da que, precisamente, procede o actual campión do torneo. 

Os turolenses enfrontaranse nos cuartos de final co Ushuaïa Eivissa Vóley; o Unicaja Costa de Almería abrirá o torneo ante Melilla Sport Capital; e Urbia U  Energia Vóley Palma e Conectabalear CV Manacor protagonizarán un derbi balear que quedará completamente opacado polo duelo entre os anfitrións, CV Guaguas, cos galegos do Rotogal Boiro Voleibol.

Previsto para as 18 horas de hoxe, o conxunto local parte como favorito ante un Boiro que debuta na Copa do Rei. De dar a sorpresa e conseguir imporse nos cuartos de final, o Rotogal enfrontaríase en semifinais co equipo gañador da eliminatoria protagonizada por Unicaja Costa de Almería e Melilla Sport Capital mañá sábado ás 18 horas.

Tanto o partido de cuartos de final como este hipotético choque de semifinais poderá ser visto pola canle dixital de TVE www.rtve.es/deportes/mas-tdp/directo, mentres que a gran final, prevista para as 18.30 horas do domingo, será retransmitida por Teledeporte.

Comentarios