Opinión

Rosalía e nós

Vimos de pasar unhas semanas nas que o nome de Rosalía resoou con máis frecuencia e intensidade do que é habitual. Algunhas autoridades gobernativas e institucións oficiais, alén de persoas particulares, con maior ou menor incidencia pública e con algún ou ningún coñecemento de causa, de boa ou mala intención, apuntáronse a un ritual de retórica loadora, normalmente dentro dos límites do permitido.

Vimos de pasar unhas semanas nas que o nome de Rosalía resoou con máis frecuencia e intensidade do que é habitual. Algunhas autoridades gobernativas e institucións oficiais, alén de persoas particulares, con maior ou menor incidencia pública e con algún ou ningún coñecemento de causa, de boa ou mala intención, apuntáronse a un ritual de retórica loadora, normalmente dentro dos límites do permitido. En moitos casos, dou a impresión de estaren aparentando reverenciar, sen moito entusiasmo e menos convicción unha figura considerada, para dicilo con palabras escoitadas recentemente, “Nai de todos”. Alguén que se converteu nunha especie de comodín que libera ou anula de todas as contradicións e inconsecuencias que vivimos verbo do propio país. Porén, a realidade é teimuda e vennos replicar que é anormal e inconsecuente, fóra de hábito e costume, negado polos feitos, pola experiencia, este súpeto amor rosaliano de algúns.

Dous dos máis importantes fundamentos do valor acadado por Rosalía como símbolo de Galiza son a existencia do pobo galego como diferente e específico, única patria dos galegos e galegas, e o dereito a un seu desenvolvemento normal, a partir da súa propia lingua e cultura. Resumindo nunha unidade compacta: somos un pobo con capacidade e con dereito a unha existencia digna, sen marxinacións, discriminacións nin burlas. É precisamente esta sinxela e elemental constatación, consideración e aspiración a que hoxe lle proe ao poder que, de forma cínica, argalla unha devoción ritual para lexitimar as súas renuncias, despropósitos e agresións verbo do pobo galego. O que fan é algo xa probado e experimentado noutras épocas, se ben con novidades consoantes cunha globalización esmagadora e caótica. Agora a imaxe é unha fantasmagoría do pasado, algo xa tan superado que o que ela representou está asumido: por iso é de todos e hai que deixala durmir no seo dunha vaguidade saudosa, consumada unha Galiza moderna e sen complexos, segundo a propaganda oficial. Porén, e ao mesmo tempo, en paralelo, botan man da agresiva e fatua opinión dunha galega á española, escritora nesta lingua, triunfante “planetaria” de predicamento na Corte, non só para deixar claro cal é o seu modelo de modernidade, senón tamén para cultivar a confusión e a mentira históricas, negando que Rosalía fose nacionalista ou facéndoa mesmo vítima en vida duns fanáticos desta ideoloxía. A inversión da verdade histórica é así tan delirante como total, sen complexo algún, efectivamente. Oriéntase xustamente na dirección conveniente: contra o nacionalismo.

"O poder de forma cínica, argalla unha devoción ritual para lexitimar as súas renuncias, despropósitos e agresións verbo do pobo galego"

Mais evocar o nome de Rosalía e pensar na súa obra, concretamente Cantares Gallegos, dá, debía dar, moito de si como revelación. Non falemos xa se se fai unha exaltación non rutineira, con coñecemento de causa, da súa persoa e obra. As clases populares reflectidas en Cantares son as que sostiveron a lingua e a cultura nacionais tradicionalmente. As mesmas das que a maioría das persoas alfabetizadas, “cultas”, con ascenso na escala social, fuxiron, con maior ou menor grao de desprezo, impelidas por unha colonización montada no Pegaso da modernización españolizadora. Nuns casos, exteriorizaron un estrañamento finxido, impostado, para non seren identificados coas súas orixes familiares, que deviñan nacionais. Había e aínda hai que demostrar que non vimos de onde vimos ou que somos o que non somos. Non pertencerá a esta confraría a arrogante e provocadora escritora lucense que pretendeu amolarnos coas súas procaces manifestacións e escarnecer o nome Rosalía cun finxido amor que a destruía? As fendas por onde supura o autoodio son inescrutábeis, pero sempre é tan manifesto como patético e triste, por moi desacomplexado que pareza. Noutros casos, pasamos anos nunha especie de nimbo, desorientados, sen podérmonos recoñecer no arredor, estrañados das orixes, sometidos á influencia dunha cultura libresca e alienante que nos atrasou a identificación co noso corpo nacional colectivo.

Mírese por onde se mire, está claro que, de escarvarmos, a inmensa maioría provimos dun pobo, dunhas clases populares que, na súa configuración nacional, na súa especificidade e diferenza, foi catalogado como salvaxe, bárbaro, incivilizado, cun único destino: a absorción e/ou colonización por España. Malia labregos e mariñeiros reducírense de forma drástica, non precisamente por unha mudanza propia dun desenvolvemento económico, social, cultural e político harmónicos, o estigma ficou prendido a todo o que ole ou ten a ver con Galiza. Non fora unha batalla contra a incultura e o atraso a que se librara: era a aplicación dun deseño de dominio, asimilación e absorción que pasou por estigmatizar, denigrar, desprezar e ignorar calquera elemento identificador do propio, a comezar a lingua nacional. Foi así como puidemos acabar por constatar, malia a moitos lles custe tanto velo, que non era precisamente a nosa diferenza a causa do noso atraso e da nosa opresión. É máis ben ao revés: son os deseños de dominio os que provocaron o atraso, a renuncia a sermos o que somos, aos nosos dereitos, a estigmatización e a submisión...Nos tempos de Rosalía, a máxima expresión da diferenza concretábase na apreciación, no xuízo, de estarmos perante un montañés ou montañesa. Máis tarde acabou derivando nesas connotadas expresións: “aldeano” ou “pailán”. Estas cualificacións son as que adoitan merecer aínda hoxe calquera galegofalante nas nosas discotecas, pubs, zonas de divertimento ou lugares de ocio...

Gostaríame pór en evidencia que co ser de Galiza todo é posíbel. As súas manifestacións culturais, literarias e artísticas, o seu pasado, a súa historia, a súa realidade multifacética poden ser ignoradas olimpicamente polos propios galegos e galegas. Porén, se a situación o require, poden ser debidamente manipuladas ou distorsionadas a capricho. Como é posíbel? Porque non existe unha opinión pública informada e formada a este respecto. Son inexistentes ou marxinais no sistema educativo, nos medios de comunicación, no mundo empresarial, na tradición familiar, transmitida de xeración en xeración, os criterios claramente definidos ou os perfiles ben debuxados sobre estas cuestións. Tampouco existe unha elite culta potente nin institucións privadas comprometidas neste labor. Vivimos ao pairo en aspectos básicos da nosa existencia como pobo. Por iso, somos algo, que, de terse que contar momentaneamente con nós, pode facerse ao gusto do poder delegado de España. Velaí por que nos agasallan desde a oficialidade cunha homenaxe rosaliana oficiada por recoñecida moza lucense -madrileña que sentencia, con desenvoltura arrogante, que Rosalía non era nacionalista, ¡que hai que saber ler!. E a seguir, deléitanos co descubrimento, como se fose toda unha novidade, pretendendo confirmar así a vocación española de Rosalía, de que as súas novelas están en español e de que o seu afán era ser escritora profesional. Que sagacidade!! Menos mal que a planetaria detectou algo que os fanáticos nacionalistas sabemos desde hai case trinta anos, polo menos, ¡¡que atrasada!! O feito da obra rosaliana estar en galego e en español xa foi explicado debidamente na súa causalidade, por primeira vez, sen o recurso ao tópico, pola crítica literaria nacionalista, a primeira en ocuparse tamén da súa obra total, sen discriminacións. Simplificando diremos que, nas circunstancias da súa época, unha escritora profesional de novelas non podía selo máis que en español, en principio. Precisamente por iso, aínda ten máis mérito o empeño rosaliano embarcándose nunha guerra pola construción ou renacenza dunha literatura nacional, en lingua galega loxicamente, que abranguese todos os xéneros. Semellante pretensión e obxectivos vincúlaa a un proxecto cultural de matriz nacionalista, similar ao doutros moitos de Europa por aquel entón, tanto nas nacións celtas (Irlanda, Escocia), como nas dominadas polo Estado español (Euskadi, Catalunya), polo imperio ruso (Polonia) ou polo austro-húngaro (Bohemia). Tan clarificado está o pensamento rosaliano, e o sentimento, verbo da súa identificación nacional, que é o único escritor galego do século XIX que se move, sen ningunha ambigüidade, dentro da adhesión a unha soia patria, a galega, desde o primeira etapa vital esperanzada, até a derrota e o escepticismo final.

"Rosalía foi un fito na enunciación e asunción do conflito e na súa resolución a prol do pobo galego. Intentar desfigurar ou negar o seu papel e o seu compromiso é unha manipulación que non podemos consentir co noso silencio".

Os que atacaron ou menosprezaron Rosalía en vida nada tiñan a ver con organizacións nacionalistas, entón inexistentes, malia existir a ideoloxía. Tampouco o fixeron os que tiñan Galiza como única patria, poucos e marxinais entre a xente culta. Nin sequera o foron, malia algúns ciúmes, incomprensións e invexas exteriorizadas de forma pouco grata, os partidarios do uso ascendente do galego na escrita literaria. Quen foron? Unha parte importante da Igrexa católica, os voceiros mediáticos dunha pequena e mediana burguesía españolizada, que se aproveitaba do negocio da emigración, -La Concordia, de Vigo, e El Anunciador de A Coruña- e os tránsfugas ou aspirantes a triunfaren dentro da cultura e a política españolas, negándose como galegos. A dinámica da renacenza dunha cultura literaria galega escrita estivo, e está, condicionada por un conflito: é unha verdade obxectiva que así se manifesta historicamente. Rosalía foi un fito na enunciación e asunción do conflito e na súa resolución a prol do pobo galego. Intentar desfigurar ou negar o seu papel e o seu compromiso é unha manipulación que non podemos consentir co noso silencio.

Fagamos retrospectiva e vaiamos aos primeiros anos do século XX. O cronista do xornal madrileño El Imparcial (4, agosto, 1917), Francisco Camba, explicaba, comentando os actos oficiais, gobernativos, da recente inauguración da estatura de Rosalía na Ferradura de Santiago, enlazándoos cos de traslado de restos mortais de Adina a San Domingos de Bonaval en 1891: “...en los versos que la gran mujer escribió no todo era poesía. Bien mirado, había en ellos un manifiesto político que Galicia estaba obligada a cumplir”. Informaba de que a idea, xurdida de ben intencionados admiradores, a de honrar definitivamente a memoria de Rosalía, construíndo unha estatua no seu honor, levantara vacilacións, receos, desconfianzas. A xente consideraba perigoso significarse porque os que se achegaban ao sepulcro da grande muller en San Domingos eran “los enemigos declarados de los políticos tradicionales”, “una especie de cruzados que iban, de tiempo en tiempo, a las fuentes vivas de su fe para templar las armas del entusiasmo”. O poder convenceuse de que tiña que tomar cartas no asunto: políticos como Maura e os galegos González Besada e Montero Ríos comprometeron o Goberno español no financiamento que faltaba para erixir o monumento, asegurándose que monopolizaban a súa inauguración, bandeira española e marcha real incluídas. O nada sospeitoso Camba advirte: “Eran gallegos, eran más prácticos en las luchas por el poderío y tenían, esto aparte, la influencia. Y así ocurrió que ayer, al inaugurarse el altar, fueron ellos quienes, encargándose del panegírico de la santa, lo consagraron realmente para su culto”. A manipulación e o usufruto xustamente para a causa asimilista, caciquil e sucursalista de entón.

"Non darán abatido coa súa persecución, manipulación e guerra o espírito patriótico rosaliano que hoxe late, mal que lles pese, en milleiros de galegos e galegas"

Hoxe, en pleno remuíño globalizador, e en vista de que os inimigos da política tradicional española, de que os cruzados da fe rosaliana, non só non teñen desaparecido, senón que teñen medrado, malia tanta confusión e agresión contra todo o galego, tiveron que dar máis un paso: proxectar a figura de Rosalía contra os seus xenuínos seguidores, invocar o seu nome en van, escarnecelo, chegar mesmo a profanar a súa casa, emitindo mensaxes desde ela para lexitimar a súa política que encirra o autoodio, o desprezo e agresión contra a lingua e a cultura do noso pobo, a negación do noso dereito á existencia sumíndonos nunha españolidade suicida. En 1917, pagaron diñeiro para consumar a súa apropiación indebida, hoxe seguramente tamén o utilizaron para comprar conformidades, silencios e servidumes e poder enunciar, desde onde lles apetecer, sen o menor miramento, que a saída modernizadora non é máis que unha: a servidume da españolización. Todo lles vale para a lexitimación da súa política, incluída a mentira grosa e a inversión da verdade histórica. Endebén, temos a escrita rosaliana e o que nos revela. Tamén temos os resultados do esforzo por desvendar, contra vento e marea, a verdade histórica, a da súa persoa e a da súa obra, a cada paso máis potente, imparábel mesmo no mundo académico. Nunca poderán conter, arruinar ou confundir a tendencia e a forza que Rosalía expresou artística e vitalmente na defensa da existencia do pobo galego e o seu dereito ao futuro, como tal, na súa diferenza, na súa especificidade. Tampouco darán abatido coa súa persecución, manipulación e guerra o espírito patriótico rosaliano que hoxe late, mal que lles pese, en milleiros de galegos e galegas, identificados con Galiza, como a súa única patria, o seu compromiso, desde a que participar e colaborar á conformación dunha Humanidade harmónica.

Comentarios