O "inédito" de Rosalía xa vira a luz na revista dun instituto

O poema “Dinche o corazón na man” que a Academia deu a coñecer como inédito fora xa publicado en xullo de 2013 na revista do Instituto Virxe do Mar de Noia. O responsábel da publicación é o mesmo investigador que un ano antes publicara unha fotografía como pretensa imaxe inédita da escritora e que finalmente non se correspondía con Rosalía. 

Rosalía de nova
photo_camera Rosalía de nova

A incerteza continúa arredor da maior escritora da literatura galega. Tan só unhas horas despois de que a Real Academia Galega anunciase a descuberta de obra inédita de Rosalía, entre outras pezas o poema “Dinche o corazón na man”, na rede xa rulaba a noticia de que o poema en galego fora xa publicado. Ningún dos especialistas na obra rosaliana presentes no acto, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira -investigador e responsábel da recente edición de “Cantares Gallegos”- o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, a investigadora María Xesús Lama -que participou por videoconferencia- nin o secretario da institución Henrique Monteagudo, que presentou o achado, tiñan noticia do previo desempoeirado do documento.

En certo modo, o descoñecemento era explicábel xa que o texto da autora máis recoñecida da historia literaria galega vira a luz na revista Casa da Gramática, publicación do Instituto Virxe do Mar de Noia, da man de Ramón Torrado, o mesmo investigador que tan só un ano antes errara ao asignar a Rosalía unha fotografía dunha muller con notábeis semellanzas, mais que non se correspondía coa autora de “Follas Novas”.

Un poema aparecido por volta de 1998

O erro previo pode ser a explicación da cautela do investigador á hora de publicar a composición descuberta nos fondos da Academia. O profesor do instituto de Boiro, Ramón Torrado, tería atopado o poema na Academia por volta de 1998, segundo recolle o xornal dixital Certo. Na revista Casa da Gramática, Torrado recolle os versos de  “Dincho o corazón na man” anotando con prudencia que se trata dun “poema moi descoñecido, posibelmente inédito, que probablemente é obra de Rosalía na época de compoñer os Cantares Gallegos. No mesmo lugar onde se encontra, hai unhas trinta cantigas manuscritas, das cales máis de vinte non aparecen nos Cantares”. Aí quedou o tema e a publicación non ecoou nin para chegar aos ouvidos de especialistas na obra da maior autora da literatura galega. 

O aparecimento do poema na revista dun instituto de Noia non tivera a menor trascendencia pública fóra do ámbito deste centro de ensino

O propio Henrique Monteagudo asinou a nota aclaratoria no fin da información da presentación dos inéditos na páxina da Academia para recoñecer o mérito de Ramón Torrado e explicar o proceso que conduciu ao erro. “Cómpre aclarar tamén que, antes de facer pública na Real Academia Galega a nova sobre “Dinche o corazón na man” e “Postrimerías” se fixo unha pescuda coidadosa da ampla bibliografía académica, edicións, estudos...) existentes sobre da obra de Rosalía, realizáronse consultas persoais a distintos expertos nesta, e mesmo se fixeron comprobacións a través dos buscadores na rede”, anota na aclaración Monteagudo. Porén, do poema de Rosalía non tiñan coñecemento nin especialistas, nin a bibliografía académica, nin edicións nin estudos. A súa publicación non saíra do ámbito do centro de ensino público que recollera a peza inédita da autora.

Un libro nunha casa de Santiago e unha biografía sen publicar 

Cara e cruz dunha autora que aínda dá sorpresas. O ano 2013, conmemoración do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” botaba a luz aínda un poema descoñecido da autora publicado por Francisco Rodríguez en Sermos Galiza e Anxo Angueira coa Fundación presentaban un extraordinario exemplar de “Cantares Gallegos” cunha fotografía nova da escritora e unha carta sorprendente. Pouco antes, a análise de especialistas desmontaría a fotografía que Ramón Torrado presentaría como imaxe descoñecida da poeta e que finalmente non se correspondería coa autora, o mesmo investigador que publicou, pola contra, o poema que a Academia presentou por inédito sen que case ninguén o soubese e sen que chegase aos núcleo de especialistas na súa obra. A imaxe que resultou non ser da escritora fora publicada no xornal dixital Galicia Confidencial nun artigo que levaba por título "Unha Rosalía inédita". 

Segundo apunta o xornal Certo, Ramón Torrado ten unha biografía novelada sobre Rosalía inédita. Pola súa banda, Alonso Montero aventura a existencia dunha obra descoñecida de Rosalía gardada nunha casa de Santiago. Dous datos máis que son difíciles de entender cando se refiren á máis relevante escritora da historia dunha lingua.

Comentarios