A educación, a instrución, foi unha das teimas da colectividade galega emigrada a finais do século XIX e principios do XX. Importantes cantidades de diñeiro eran remitidas polas sociedades de emigrantes galegos en Cuba, Arxentina ou Uruguai a Galiza para a construción de escolas, pago de profesores ou habilitación de colexios. Todo co obxectivo de “instruír”, “escolarizar” como vía contra a ignorancia e o atraso.
Nesta traxectoria naceu en 1929 a escola do Cruceiro, en Taragoña, que se atopa en Campo de Pazos. Esta parroquia rianxeira comemora estes días o 90 aniversario da súa construción.
“Dende comezos do século XX, o tema da escolarización foi unha das preocupacións da parroquia de Taragoña, pois dado o seu peso demográfico, había grande necesidade de contar con varias aulas”, explica Xosé Ramón Brea, coñecedor deste proxecto. Na emigración creábanse “sociedades pro-escolas ou de instrución”, que se fixeron cargo “ da implantación, dotación e financiamento das chamadas «escolas de americanos» que viñeron a aumentar e renovar o conxunto das escolas estatais de Galiza”.
“O día 30 de xuño de 1923 fúndase en Buenos Aires a “Sociedad Instructiva Pro-Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina” na que vai ter un papel decisivo o taragoñés, José Otero Otero, pois dende o seu cargo de secretario, impulsará a creación da escola “Rosalía de Castro”. A entidade adquire dous solares en Campo de Pasos en 1924 e 1926, e realiza unha activa campaña de propaganda para obter máis recursos económicos. O alcalde de Rianxo, D. Mariano Rodríguez Dios, pai de Castelao, puxo a primeira pedra da escola de Taragoña o 23 de setembro de 1928. A Sociedade Instrutiva continúa co labor de recollida de fondos mediante a organización de festivais e veladas artísticas. Nestes anos de 1928 e 1929 vai ser cando se envían dende Buenos Aires as remesas de cartos máis importantes, ata 9.000 ptas, para rematar canto antes o edificio. En maio de 1929, os emigrantes na Arxentina organizaron un banquete para conmemorar o remate da obra”.
Actos:
Sexta feria, 21 de xuño
9 a 13 h. Celebración escolar coa participación das familias do alumnado da escola Rosalía de Castro, con xogos, merenda, obradoiro de actividades impartido por Electra Menéndez e concerto de Ana Silva, Silvia Ferre e Alfredo Susavila.
Sábado, 22 de xuño
10:30 h. Presentación oficial da celebración do 90 aniversario da Escola Rosalía de Castro. Intervención musical de Aida Saco, pianista. Saúda das autoridades.
11:00 h. A “Sociedad Instructiva Pro-Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina” e a construción da escola “Rosalía de Castro”. Conferencia impartida polo historiador Xosé Ramón Brea, e posterior coloquio.
12:45 h. Intervención musical da Banda de gaitas Buxaina, de Taragoña. 12:15 h. Intervención artística “Rosalía na escola” do C.E.P. X. M. Brea Segade, de Taragoña. 14:30 h. Xantar campestre na praia da Torre (praia do Salgueiriño), Taragoña, en colaboración coa “ I Xornada Medioambiental Praia da Torre” organizada polo colectivo Ondiñas Mainas.
Domingo, 23 de xuño
11:00 h. Roteiro arqueolóxico pola contorna da escola dirixido por Juan Carlos Collazo, Electra Menéndez e Álvaro Arizaga.