Soan uns acordes da muiñeira de Chantada e fala a través das ondas un dos colaboradores do programa de Radio Nacional Española No es un día cualquiera. En conversa co presentador, Carlos Mesa, o colaborador Xosé Castro debulla na sección 'cocretas' diferentes erros na linguaxe oral. A melodía da muiñeira coincide coas anécdotas relacionadas cos galegos e galegas.
"Guasear cunha amizade", "amortiguar a apoteca" ou "fulanito traballa no polígano" son algúns dos exemplos remitidos por usuarios e usuarias das redes sociais a Xosé Castro, o "comentalisto", que os sábados ás 9.40 horas participa no magazine conducido por Carlos Mesa. "Non sei por que na Galiza moita xente di polígano, tamén teño escoitado polígamo", conta Castro.
A maiores, o colaborador comparte novas de medios de comunicación. Coas dos medios de comunicación galegos, as 'galinoticias', volve soar a muiñeira e o colaborador comparte un "Ai, carballeira! Árdelle aí!". Entre outras, recolle unha partida de Monopoly xogada por rapazas e rapaces do Barco de Valdeorras ou o atraco dun estanco da Silva, "un Fast and Furious galego", na parroquia cedeirense de Rodís con correcións incluídas ao xornal.
O tratamento destes erros e da información compartida na sección provocou as queixas dun ouvinte do mesmo, que decidiu poñerse en contacto con Nós Diario. "Eu estou afeito a escoitar as xeneralidades na prensa española referidas aos galegos e galegas, pero o que fan paréceme de mal gusto e unha maneira de ridiculizarnos", explica por teléfono sen querer compartir o seu nome.
Nun dos programas aos que fai referencia este ouvinte, o propio presentador e mais o colaborador fan referencia a un correo electrónico enviado, presuntamento, por unha persoa galega cunha queixa similar á súa. "Non temos nada en contra dos galegos, nin moitísimo menos", responde ao reclamante o presentador. "Alguén dixo iso? Alguén puido dubidar? Sendo eu galego de pro", cuestiona Castro, este último facendo referencia á súa propia orixe. "Non nos rimos de ninguén, senón con alguén", comenta Castro, "algunhas destas cocretas dicímolas nós, é simplemente rir de algo divertido".
Para quen escoita, as xustificacións non abondan. "Están tan afeitos que non se destacan de que o que fan é ofensivo", salienta este ouvinte sinalando que as risas a costa das anécdotas compartidas no programa resultan "excesivas".