Este 10S

Ribeira acolle o XXVII Campionato Galego de Medio Maratón

O concello de Ribeira está a organizar a súa I Edición de Medio Maratón, que, alén do seu carácter popular, correspóndese co XXVII Campionato  Galego de Medio Maratón, individual e por clubes. Nel danse cita as e os mellores atletas do país, e que terá lugar o vindeiro 10 de setembro sobre un circuíto homologado de 21.097 quilómetros.

XXVI Campionato Galego de Media Maratón, celebrado en Pontevedra en 2016
photo_camera XXVI Campionato Galego de Media Maratón (Pontevedra, 2016)

As e os mellores atletas do país estarán na capital do Barbanza para competir en 5 categorías, femininas e masculinas, e tomarán saída conxuntamente coas e cos participantes na I Medio Maratón do concello de Ribeira. A carreira ten un trazado de 21 quilómetros de lonxitude que parte desde o porto de Aguiño e vai principiar ás 10 horas. Comezará un circuíto urbano de algo máis de sete quilómetros que chegará até a praia de Coroso e que as e os atletas terán que percorrer dúas veces antes de atravesar a liña de meta, na avenida do Malecón.

Miguel Ruíz, xerente de deportes do concello de Ribeira, lembra que “amais dos títulos individuais en xogo, estará en liza a clasificación por clubes que se ha determinar pola clasificación das tres primeiras e primeiros atletas en cruzar a liña de meta”, pois aínda que ten carácter popular, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, “Ribeira acolle este ano o Campionato Galego de Media Maratón, para fomentar e promover o atletismo”. Para optar aos diferentes premios en metálico, cómpre estar inscrito á vez na carreira popular.

O Concello da comarca do Barbanza súmase con esta proba á lista de localidades que contan cun circuíto homologado onde desenvolver unha proba de distancias, que hoxe en día está tan demandada. Di Miguel que estiman “unha participación mínima dunhas 300 persoas pois a día de hoxe están inscritas case 200 na carreira popular, sen contar as e os atletas da Federación”.

Comentarios