Ritz-Carlton evita no último segundo a entrada de Barreras en liquidación

Barreras logra evitar a entrada en concurso gracias a un acordo 'in extremis' coas acredoras.
O CEO de Ritz-Carlton, Douglas Pothero, nun acto en Vigo (Europa Press).
photo_camera O CEO de Ritz-Carlton, Douglas Pothero, nun acto en Vigo (Europa Press).

A semana comeza ben para o estaleiros vigués Hijos de J.Barreras. Tras contar co plácet da Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (Cesce) ao plan de reestruturación do financiamento do estaleiro exposto por Ritz Carlton, Barreras logra evitar a súa entrada en concurso de acredores. Este domingo, 2 de febreiro, era o último día contemplado para chegar a un acordo cos provedores.

A semana pasada, a firma norteamericana pedira un prazo de tres meses ás auxiliares para facer fronte as débedas. Estas firmas, agrupadas na sociedade Uninaval, aceptaron este período de gracia para que o estaleiro faga efectivo o pagamento dos preto de 25 millóns de euros que lles debe. 

O plan presentado ante o Xulgado do Mercantil número 3 de Vigo contempla a modificación do contrato inicial do cruceiro 'Evrima' de modo que o seu armador, a compañía estadounidense Ritz Carlton, que podería adquirir o 51% das accións, actualmente en mans da mexicana Pemex, asumirá o sobrecusto da embarcación, cifrada en 70 millóns, e cubrirá así o buraco de 50 millóns do estaleiro, en situación de preconcurso desde o pasado 3 de outubro. A empresa tamén solicitara ao xulgado a disolución da sociedade ao atoparse en situación de desequilibrio patrimonial. A empresa tiña até este domingo, 2 de febreiro do 2020, para chegar a un acordo cos seus provedores e esquivar a liquidación.

Nos últimos meses Ritz Carlton, que constrúe no estaleiro o seu primeiro cruceiro de luxo, ao que podería sumarse un segundo, chegou a un acordo cos principais accionistas de Barreras, a mexicana Pemex (51%) e o grupo Albacora (24%) para facerse coa xestión e tratar de manter a flote a compañía.

Comentarios