"En risco" e "a piques de caer" o investimento de Pemex nos estaleiros galegos

É a versión que dá a imprensa mexicana sobre a construción dos floteis e a participación da empresa azteca no estaleiro de Barreras. Fronte a esta visión, o presidente de Barreras di que a sentenza sobre o tax-lease "despexa o camiño" e que o acordo se pechará en agosto


Dixo Núñez Feijóo na rolda de imprensa posterior ao último consello da Xunta que, malia que se lle botou "a culpa" ao Goberno galego pola demora nos contratos coa petroleira mexicana Pemex, o certo era que a compañía estaba á espera da resolución da Comisión Europea sobre a devolución das axudas do sistema tax lease, malia que os contratos "son os que eran".  

Pois ben, a imprensa mexicana publica este sábado unha información en que deixa claro que os investimentos da empresa azteca nos estaleiros galegos se atopa "en risco" e "a piques de caer" após a sentenza de Bruxelas que obriga a devolver todas as bonificacións recibidas polo naval desde xullo de 2007. "A paraestatal pediu revisar os contratos, pois as novas disposicións son consideradas como extremas", indica o xornal Crónica, adiantando que a entrada de Pemex en Barreras "queda en suspenso".  

Segundo a imprensa mexicana, Pemex xa lle comunicou ao Goberno galego que revisará os contratos subscritos para a construción de dous floteis, así como o investimento no estaleiro vigués a quen Feijóo vendeu o 51% da participación perante a súa incapacidade para conseguir un aval para a construción do buque flotel e cumprir así a súa promesa co naval galego. 

Fronte a esta visión, un xornal local vigués publica este domingo a versión ofrecida por José García Costas, presidente de Barreras, quen sostén que a senteza sobre o tax-lease, lonxe de ameazar os plans de Pemex, "deixa o camiño despexado". Conclúe sinalando que o acordo final se pechará "en agosto".

Comentarios