O risco das coleccións das Caixas urxe iniciativas políticas e sociais

Diante do risco de perda das coleccións artísticas das Caixas, o BNG presentou no parlamento unha iniciativa encamiñada a impedir a venda e a súa saída do país, alén de unificar os dous expedientes. Galiza Cultura está a recoller sinaturas nunha campaña “pola titularidade pública e o goce universal do patrimonio artístico das antigas Caixas de Aforro Galegas”.

Caixas
photo_camera Caixas

BNG defendeu no Parlamento a urxencia de garantir que as coleccións de arte de Caixa Galicia e Caixa Nova permanezan no país, que non se podan vender e que continúan a formar parte do patrimonio de galegas e galegos Solicitou a unificación dos expedientes nunha iniciativa á que o PP se opuxo e o PSOE se abstivo. A iniciativa de Galiza Cultura está a recoller sinaturas para preservar as coleccións artísticas no país. 

O proceso de privatización das Caixas mantén aínda un futuro incerto para as coleccións artísticas que corren aínda, de maneira especial a de Caixa Galicia, trasladada como activo financeiro ao Banco, o risco de venda sen que estea garantida a súa permanencia no país. Co desenlace do proceso próximo, as iniciativas políticas e sociais apúranse para conseguir que o patrimonio atesourado cos aforros de galegos e galegas non pase a mans privadas nin saia fora do país, o que non está garantido co inicio de declaración BIP encetado pola Xunta. 

O BNG defendeu no pasado pleno unha iniciativa encamiñada a incrementar a protección do patrimonio artístico das Caixas e asegurar a súa permanencia no país e o acceso público. O grupo nacionalista defendeu, a través da parlamentaria Ana Pontón, a necesidade de unificar as dúas coleccións e sentar as bases que impidan a venda e aseguren a súa permanencia no país. Ana Pontón lembrou no pleno do Parlamento que se cumpriron xa dous anos do acordo unánime da cámara polo que se instaba á Xunta para que as coleccións das caixas foran postas a disposición do patrimonio público galego promovendo a súa conservación e acceso ao público sen que o goberno de Feijóo tivera atendido a demanda. Naquel acordo do Parlamento recollíase a indicación de que un espazo dos edificios da Cidade da Cultura fose destinado a difundir e poñer en valor este patrimonio artístico galego. 

"Desfalco do patrimonio"

Na súa intervención no Parlamento, Ana Pontón falou dun “desfalco do patrimonio artístico deste país” que pon en perigo sete mil obras mercadas cos aforros de galegos e galegas e fitou a atención nas responsabilidades diante dunha posíbel perda das coleccións. “Cando se fixo o proceso de fusión a Xunta permitiu que a colección de Caixa Galicia fose trasladada como un activo financeiro máis ao Banco”, sinalou ao tempo que denunciaba que a declaración de Ben de Interese Público é “unha medida fraudulenta e insuficiente porque non impide que poidan ser vendidas e, ao ser dous expedientes diferentes facilita que se poida vende o conxunto do Banco coa colección de Caixa Galicia”. A declaración BIP non salvagarda, segundo lembrou a deputada, as obras de saíren do país xa que único que recolle é a imposibilidade de seren exportadas, é dicir, atravesar as fronteiras administrativas españolas. 

No pleno, o deputado socialista Francisco Caamaño presentou unha emenda para que as coleccións de Caixanova permaneceran en Vigo e Ourense que non foi aceptada polo BNG, o grupo autor da proposición, por recoller a propia iniciativa a necesidade de protección e unificación dos dous expedientes , o que levou a que o PSOE se abstivera na votación. 

Canda a tamén deputada Carme Adán e a voceira de Vigo, Iolanda Veloso, a deputada Ana Pontón participou onte nunha rolda de prensa na cidade na que aclarou a reclamación do grupo de unificación das coleccións das extintas caixas nun expedinte único, rexeitado polo PP e coa abstención do PSOE. 

PSOE abstense, PP en contra

Lamentaron a posición do grupo socialista xa que o verdadeiro problema reside no futuro dos fondos de Caixa Galicia. “O alucinante é que PSOE e PP non apoien esta iniciativa e para distraer a atención presenten unha emenda que nin tan sequera a explicaron no pleno”, sinalou Pontón que cualificou a actitude dos grupos parlamentares de “irresponsabilidade” e de crearen un debate ficticio diante dun real “perigo de espolio do patrimonio galego”.  

Os fondos artísticos de Caixa Galicia están compostos por unha das máis relevantes coleccións de obra galega, con pezas de importante valor de Castelao, Laxeiro, Maruja Mallo, Colmeiro, Leopoldo Nóvoa, Tino Grandío, Luis Seoane, Lamazares ou Leiro ademais de unha relevante mostra de arte contemporánea internacional que vai de Picasso, a  José P. Croft, Sean Scully, Manolo Millares ou Manolo Valdés. Arredor de 1500 obras de 170 artistas para os que a entidade destinara o edificio inaugurado en 2006 na Coruña no que, canda os nomes que pasaron xa á historia da arte se foron engadindo unha selección da nova creación galega. 

Iniciativa de GalizaCultura

A iniciativa social está tamén a acelerar o proceso de recollida de sinaturas que encetou a federación de asociacións culturais Galiza Cultura. Contra o espolio do patrimonio artístico iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas co fin de asegurar a permanencia das importantísimas coleccións de arte que se mercaron cos aforros de xeracións de galegos e galegas. 

O manifesto que busca apoios a través da rede co título "Contra o espolio do noso patrimonio" chama á sociedade galega a defender a "súa lexítima propiedade e o seu dereito a desfrutar desta obra artítica" e reclámalle á Xunta que tome medidas para que a totalidade das coleccións sexan titularidade pública, para que se manteña a súa sede na Galiza e que se garanta a súa visitabilidade e acceso público.Galiza Cultura están a recoller sinaturas a través desta páxina. 

 

 

Comentarios