Ence perdeu máis da metade do seu valor en bolsa e pon en risco a súa continuidade no Ibex35

A pasteira perde cotización desde que en marzo o goberno decidise que non ía defender a prórroga concedida polo executivo de Raxoi en funcións.

ence 1

Non están a ser bos tempos para Ence. Leva semanas perdendo valor en Bolsa; se en outubro do ano pasado estaba nos 2.200 millóns de euros de capitalización agora apenas chega a 1.000 millóns de euros.

A perda de máis da metade do seu valor en bolsa mesmo podería poñer en risco a continuidade da empresa no Ibex 35, como alerta Expansión. Ningunha outra empresa do Ibex cotiza con valoracións por baixo dos 1.000 millóns de euros.

Este particular via crucis comezou coa publicación dos resultados correspondentes ao exercicio 2018. Mais intensificouse a partir da noticia de que o goberno español non ía defender a prórroga a Ence na causa aberta na Audiencia Nacional pola decisión adoptada polo excutivo de Mariano Raxoi en xaneiro de 2016 de dar 60 anos máis (até 2073) a Ence para permanecer na súa ubicación actual en Lourizán.

Iso provocou unha serie de caídas durante varios días que sumaron un acumulado en baixadas de 20%. A segunda feira seguinte ao domingo electoral do 28 de abril a única empresa do Ibex35 que tivo unha caída significativa foi Ence.

Comentarios