Sobre a riqueza dos ríos galegos

O Consello da Cultura Galega lanza A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos. A publicación está coordinada por Carlos Nárdiz.
Río Furelos
photo_camera Río Furelos. (Foto: Nós Diario)

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do territorio galego. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do imaxinario cotián, non sempre ben recoñecido.

Sobre ese patrimonio cultural formado por muíños, lavadoiros, batalláns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG): A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos. A publicación está coordinada por Carlos Nárdiz xa se pode descargar desde o web da institución.

A publicación recolle unha serie de relatorios que ofrecen unha nova ollada sobre o territorio a partir de diferentes experiencias relacionadas cos espazos naturais e a súa conexión por corredores fluviais e infraestruturas verdes. O texto divídese en dúas partes.

A primeira céntrase no patrimonio cultural e na paisaxe dos ríos. Diferentes artigos achéganse ao caso de experiencias de explotación e xestión patrimonial das ribeiras dos ríos Texo en Estremadura, Tyne en Newcastle e mais o caso da zona de Segovia e Valladolid.

A segunda parte pretende pór en valor o patrimonio cultural dos ríos da Galiza.

Comeza coa difusión do traballo de inventariado feito por Augas da Galiza e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil máis cinco relatorios que amosan as diferentes realidades ao longo do territorio galego.

Esta publicación bebe dunha xornada homónima desenvolvida en 2018. Non é a primeira vez que o CCG pon o foco nestes asuntos, xa que segue o ronsel doutra cita de 2014 que se titulou "Patrimonio cultural e obras públicas".

Comentarios