Imprimir

Ribera Salud xa xestiona Povisa

E. Dobaño | 03 de decembro de 2019

Protesta de traballadoras durante un dos conflitos laborais que nestes últimos anos viviu o hospital.
Protesta de traballadoras durante un dos conflitos laborais que nestes últimos anos viviu o hospital.
A compañía informa nun comunicado que "formalizou a adquisición do 93% do accionariado" que estaba nas mans do grupo Nosa Terra XXI. O Goberno galego deixou pasar a ocasión de entrar na poxa, malia as reiteradas demandas da oposición.

O proceso de venda do Hospital Povisa en Vigo, no que os grupos da oposición parlamentaria convidaron a intervir ao Goberno galego para facerse coa propiedade dun complexo que centra a maior parte da súa actividade en cubrir as necesidades asistenciais do Sergas na área de Vigo, completouse esta semana sen que o Executivo de Feixoo moverá un dedo para evitar que Povisa rematase en mans dun fondo de inversión, que é quen está detrás da empresa Ribera Salud.

Foi a propia compañía, Ribera Salud, a que informou esta terza feira de que se completaran os trámites e a operación obtivera o visto bo da Comisión Nacional da Competencia (CNMC). "Con 573 camas e 1.500 profesionais, o Hospital Povisa é un referente na sanidade española e conta con numerosas certificacións nacionais e internacionais, segundo os estándares de calidade más esixentes", lembra a empresa na súa nota de prensa. E engade: "con esta operación, o grupo Ribera Salud continúa diversificando o seu campo de actividade entrando na sanidade galega". Alberto de Rosa, conselleiro delegado de Ribera Salud, asegura que “o obxectivo" da empresa é "achegar valor á sociedade”

Ribera Salud subliña que Povisa dispón dunhas instalacións con máis de 40.000 metros cadrados, "o centro hospitalario privado máis grande de España" e que presta atención a unhas 134.000 persoas. 

O convenio co Sergas proporciona a Povisa o 80% dos seus ingresos anuais. O actual concerto empezou no 2014 e remata no 2022. Foi incrementando por última vez hai un ano, cando a empresa entrou en pre-concurso de acredores. A Consellería de Sanidade, malia insistencia de Sermos Galiza, non ofrece as cifras da evolución dos concertos, e mesmo aos grupos parlamentarios na oposición negáselles a posibilidade de consultar as contas dun hospital que presta un servizo público e que, na práctica, está financiado desde o público.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ribera-salud-xa-xestiona-povisa/20191203144248087770.html


© 2020 Nós Diario