Riazor acolle un derbi de necesidades entre Dépor e Lugo

Pola súa banda, o Celta aspira a asaltar a fortaleza nazarí hoxe ás 21 horas.
Na primeira volta, o Lugo-Dépor rematou con empate a cero. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Na primeira volta, o Lugo-Dépor rematou con empate a cero. (Foto: CD Lugo).

A pesar do cambio de dinámicas e dos positivos resultados que nas últimas xornadas lograron tanto o Real Club Deportivo como o Club Deportivo Lugo, a realidade dos representantes galegos na categoría de prata é que ocupan, respectivamente, a 17ª e a 19ª posición na táboa.

Descender a Segunda División B segue a ser unha opción moi real para ambos conxuntos, polo que os tres puntos que estarán en disputa mañá a partir das 13 horas en Riazor son fundamentais para lograr o anhelado obxectivo da permanencia.

O técnico lucense Curro Torres sabe da "importancia" do partido, gaba o traballo do seu homólogo coruñés, Fernando Vázquez -"excepcional"-, pero indica que van "a polos tres puntos".

Pola súa banda, os branquiazuis recuperan o dianteiro Víctor Mollejo -habitual na titularidade- logo da súa sanción, que agarda que a afección contribúa a "levar o equipo até o triunfo". 

O Celta, a asaltar a fortaleza nazarí 

Prolongar a boa xeira de resultados e afastar definitivamente a pantasma do descenso. Ese é o obxectivo do Real Club Celta na súa visita ao campo dunha das revelacións do campionato, o Granada, hoxe ás 21 horas.

Dirixidos, curiosamente, polo vigués Diego Martínez -co que os andaluces están virtualmente salvados e nas semifinais da Copa do Rei-, o éxito do Granada basease en converter o Nuevo Los Cármenes nunha auténtica fortaleza, até o punto de que só o Fútbol Club Barcelona, líder da categoría, leva máis vitorias no seu domicilio.

Logo de que no último partido García Junyent recuperase a defensa de catro, abandonando o 5-3-2 que empregara no empate ante o Real Madrid, non é descartábel que o catalán aposte de novo polo sistema de tres centrais, entre outros factores pola baixa do sancionado Filip Bradaric, expulsado durante a primeira parte do encontro da pasada semana ante o Leganés.

 Con case total seguridade, o seu substituto será o madrileño Fran Beltrán, que necesita minutos para consolidarse como un xogador importante e confirmar as sensacións que hai dous anos apuntaban a que sería un dos mediocampistas con máis potencial do fútbol no Estado. 

Así as cousas, o Celta xogaría con Rubén na portería; Hugo Mallo, Aidoo, Murillo, Araujo e Olaza na defensa; o propio Beltrán, Yokuslu e Rafinha no medio; e coa dupla Smolov-Iago Aspas na punta do ataque celeste.

Comentarios