Estes días os partidos comezan a afinar maquinaria para as eleccións locais de 2019, sobre todo dándolle cancha a posíbeis candidatas e candidatos. En Ferrol, todo apunta a que o PP presentará de novo José Manuel Rey Varela, malia que o seu nome tamén soa como relevo de Alberto Núñez Feijóo.
Sermos cuestionou ao conselleiro de Política Social pola súa candidatura a alcalde. “A decisión do candidato adoptarase, no seu momento, polos militantes do PP de Ferrol; que agora estamos máis preocupados polo abandono, a paralización, a falta de goberno estábel e a inexistencia dun proxecto de cidade”, respondeu. De paso o conselleiro presume de ferrolán, destacando “o orgullo e responsabilidade por ser conselleiro de Política Social e tamén polo feito de que Ferrol teña un conselleiro despois de 20 anos sen telo, unha situación que me permite seguir traballando por Ferrol e participar en decisións importantes para a miña cidade”.
Da resposta do mandatario pode deducirse que mantén a porta aberta para encabezar as listas e aplicará a estratexia do PP, que leva meses acusando os gobernos municipais de esquerda de parálise e ineficacia.
Agora ben, a Rey Varela xurdiulle un obstáculo nesta estratexia, a recente fiscalización a súa alcaldía (2011-2015) por parte do Consello de Contas. Os contábeis públicos din que “a revisión dos informes de reparos efectuados pola Intervención do Concello evidenciou a existencia de gastos, por importe de 3.333.144 euros, adoptados fóra dos procedementos estabelecidos pola lexislación vixente en materia de contratos do sector público”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no semanario Sermos Galiza 282, á venda na loxa e nos quiosques habituais]