Opinión

Revolución na Cámara de Comercio de Barcelona

Comezo unha serie de artigos para difundir unha información sobre Cataluña, moitas veces silenciada, que rematará cun artigo con referencias matemáticas para entender o que sucede en Cataluña porque, ás veces, os números poden explicar unha realidade moito mellor que mil palabras.

Lembrades aquel referendo de autodeterminación celebrado en Cataluña o 1 de outubro de 2017, que nunca existiu porque, como insistentemente repetía o PP, non habería urnas e ninguén votaría? Pois resulta que, milagrosamente, apareceron miles de urnas e votaron máis de dous millóns de persoas, a pesar das cargas violentas da Policía e Garda Civil contra unha pacífica cidadanía que só quería exercer o seu dereito a votar. Lembrades a cantidade de información que, case a diario, chegaba sobre as empresas que despois dese referendo “fuxían” de Cataluña? Todo estaba perfectamente programado para transmitir medo e esta dupla  mensaxe: cunha posíbel independencia, Cataluña non tiña futuro; o mundo empresarial abandonaría o país porque estaría pola unidade con España.

O Goberno aprobaba en horas un Decreto para facilitar o cambio da sede social das empresas e xa coñecemos as presións que tiveron algunhas para trasladar fóra de Cataluña a súa sede social coa implicación das máis altas instancias do Estado. Así, o presidente da UGT de Cataluña, que presidía tamén o comité de empresa de Seat, manifestaba a EITB que a empresa recibiu “presións políticas e monárquicas” na recepción oficial do 12 de outubro. Por outra parte, en Galiza levantouse algunha voz do empresariado, que foi rapidamente silenciada. Así, Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pronunciábase, a título particular, por unha consulta pactada en Cataluña e recibiu moitas críticas e petición de dimisión por parte das organizacións provinciais da CEG de Ourense e Pontevedra e dos ex–presidentes  José Manuel Fernández Vilariño e Antonio Dieter Moure.

As eleccións na Cámara de Comercio de Barcelona, unha importante institución do empresariado catalán, botou abaixo esas mensaxes, provocando unha auténtica revolución, pouco difundida nesta ocasión, porque acaba cun Consello Executivo que presidiu Miquel Valls nos últimos 17 anos. Hai preocupación e El País do pasado 19 de maio titulaba: “La victoria aplastante del secesionismo en la Cámara de Comercio de Barcelona genera fuertes críticas y temores en el empresariado. Independentistas en el santuario del ´seny´catalán”.

A Cambra de Comerç de Barcelona xoga un importante papel en toda a vida económica da cidade. Forma parte de Turismo de Barcelona e de Fira Barcelona, institución feiral constituída pola Generalitat e da que forma parte o concello da Barcelona. É unha plataforma para a promoción económica e que está ao servizo das empresas e da súa proxección internacional. Fira Barcelona organiza cada ano máis de 150 congresos, salóns ou eventos corporativos nos que participan 30.000 empresas, recibe máis de 2,5 millóns de visitantes de máis de 200 países, aportando máis de 2.600 millóns de euros á economía da cidade e de Cataluña. Ocupa tamén a vicepresidencia segunda da Cámara de Comercio de España.

Presentáronse varias candidaturas ás eleccións da Cámara de Comercio de Barcelona, celebradas entre o 2 e 8 de maio. Unha das candidaturas Eines de País (Ferramentas de País), promovida polo Cercle Catalá de Negocis (CCN) e apoiada pola Asemblea Nacional de Cataluña (ANC), recollía o desexo de cambio e conseguía a maioría absoluta (31 postos dos 40 elixidos). Foron emitidos máis de 19.000 votos de empresas e autónomos. Non acertou o financeiro Carles Tusquets, que adiantaba horas antes das eleccións: “estou convencido de que gañaremos os 40 postos, pero só tivo 3. Quedan por completar outros 20 postos: 14 para as empresas que contribúen anualmente con 75.000 euros: CaixaBank, Criteria Caixa, Naturgy, Abertis, Aigües de Barcelona, Banc Sabadell, Banco Mediolanum, Indra, Deloitte, PwC, Hoteles Catalonia, Damm, el RACC y Magma Disseny; esas 54 persoas elixirán outras 6 entre as propostas polas organizacións empresariais Foment do Treball e Pimec (Petita i Mitjana Empresa de Catalunya).

Para que non haxa dúbidas sobre o carácter da candidatura gañadora, o seu nome –Eines de País– deixaba claro que pretenden facer país, tamén desde o mundo empresarial. Pero, sen dúbida, o seu programa electoral definía perfectamente os seus obxectivos:

- Converter a Cámara, como “estrutura de Estado”, nun ente ao “servizo da República” e “sen submisión aos intereses de oligopolios e empresas con sede non cataláns”. Elisenda Paluzie, presidenta da ANC, dicía nun tuit: “Acabouse a ponte aérea”.

- Fronte a uns poderes fácticos centralizados, o que chaman “palco do Bernabeu”, aposta por redeseñar o sistema de infraestruturas: aeroporto, porto, enerxía, autovía do Mediterráneo, ferrocarril até Alacante, ferrys coas Baleares etc.

- Reforma do actual sistema de representación no que hai 40 membros do plenario elixidos por sufraxio directo, pero hai 14 que son designados polas empresas que fan unha achega económica de 75.000 euros.

- Recuperación dun sistema bancario propio, o sistema das caixas de aforro, e creación dun índice bursatil de valores de empresas cataláns.

- Campaña de comunicación para difundir “os éxitos do modelo catalán” e o “potencial de Cataluña como país”. Estudará tamén, entre outros temas, a viabilidade económica da independencia de Cataluña.

O 22 de maio elixiron o Consello Executivo formado por 12 persoas: 1 presidencia, 3 vicepresidencias, 1 tesourería, e 7 vogais. Na candidatura gañadora de Eines de País figuran Joan Canadell, fundador de Petrolis Independents, propietario de oito gasolineiras e promotor do CCN, que rexeita actitudes monopolísticas; aseguraba que “traballaremos desde o primeiro día para conseguir financiamento e que non sexan necesarias esas 14 empresas con acceso directo”. Mónica Roca é fundadora e directora xeral de IsardSAT, que traballa para a Axencia Espacial Europea e está especializada en procesadores para o sistema de observación. Pere Barrios é xerente de Recam Láser, unha empresa que fabrica pezas metálicas. Din que é dos máis moderados, pero aseguraba: “Xestionaremos e gobernaremos a Cambra como se xa fósemos un país”. Que envexa!

Comentarios