A revolta pontevedresa de 1892

O 22 de xullo de 1892 leiteiras e regateiras do mercado de Pontevedra revólvense contra unha nova alza do imposto de consumos, negándose ao pago dos mesmos e impedindo o aceso a cidade. O conflito, que rematará coa morte dun home setenta anos e con varios feridos, enmárcase na vaga de protestos que percorre as comarcas galegas ao longo dese ano. A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente  explosiva, será fundamental.

A ponte do Burgo a finais do século XIX.
Foto Zagala.
Arquivo Xosé Álvarez.
photo_camera A ponte do Burgo a finais do século XIX. Foto Zagala. Arquivo Xosé Álvarez.

É un exemplo significado da conflitividade social que afectou á Galiza na década dos noventa do século XIX e que tivo 1892 como ano chave. O ciclo de mobilización que se acentúa ao longo do verán dese ano, con protestas en localidades como Vigo, Cervo, Ourense, A Fonsagrada, Castrelo de Cima en Riós, Viveiro ou Noia, non se pode disociar da conxuntura económica e da abusiva presión fiscal nun momento de caída da renda.

A aposta proteccionista do goberno do Estado para salvagardar os intereses da grande oligarquía terratenente castelá andaluza ligada á produción cerealística e a inserción dependente nunha economía capitalista cada vez máis internacionalizada remataron por afogar o complexo agrario galego, a un tempo golpeado pola suba do prezo do millo, como consecuencia das medidas de apoio ao trigo castelán; pola filoxera, que rematou co viño en moitas áreas do país, e polo cambio de orientación do mercado gandeiro cara ao ámbito peninsular, tras a perda definitiva do mercado británico, que se concretará na Galiza nunha suba do prezo da carne e do leite.

As leiteiras e regateiras, chaves

A mecha que provocou o estoupido en Pontevedra será unha alza do imposto de consumos. O 22 de xullo de 1892 as leiteiras e regateiras impiden o abastecemento á cidade e néganse a pagar os novos arbitrios sobre o leite e a venda do peixe, asaltando a casiña de consumos do Burgo e iniciando unha manifestación que, segundo algúns xornais, levaba unha bandeira formada por un pano vermello colocado nunha póla de xesta, con dirección á oficina central de consumos, que será saqueada.

Os días posteriores reprodúcense os incidentes nas casiñas de consumo de entrada á cidade e organízase o boicot de leite e demais produtos agrícolas, polo que Pontevedra queda desabastecida. O sábado foron agredidos con paus e a pedradas os empregados de arbitrios e os gardas civís que os protexían causan algúns feridos por culatazos. Tamén se producen detencións, sendo reforzada a guarnición local con tropas chegadas doutras cidades. A capital estaba tomada por uns novecentos militares.

A protesta só finalizará unha vez que o concello asume as reivindicacións dos manifestantes. Así, viuse na obriga de suprimir o aumento dos impostos de consumos ao leite e ao peixe, após un pulso co gobernador civil, que rematará por ser cesado pola súa xestión do conflito. A actuación do gobernador conservador Sabino González Besada e do comandante militar da praza, Teodorico Feixó, mereceron a contestación xeneralizada dos pontevedreses, particularmente pola súa actuación nos sucesos acontecidos o sábado 24 de xullo. Antes de impoñer a lei marcial e declarar o estado de guerra non dubidaron en ordenar abrir fogo contra o pobo, provocando a morte dun veciño de Barxa de setenta anos que acudira á cidade para enviar unha carta a un fillo emigrado en América e que será atravesado por unha baioneta.

Segundo recolleu a prensa, nesa mesma xornada, resultaron feridos de gravidade, entre outros, o concelleiro Manuel Ferro e a súa filla de dous anos, Manuela Beloso, un militante republicano apelidado Tobío e unha nena de cinco anos natural de Lérez, cuxa vida corría perigo.

A revolta de Pontevedra non se explicaría sen a acción dos cadros republicanos, socialistas e libertarios. Á volta de 1977, Xosé Antonio Durán, no seu clásico traballo Agrarismo y mobilización campesina en el pais gallego (1875-1912), xa sinalou que “1892 é un ano chave para comprender a confluencia das tres tendencias (concentración anarquista, progresión socialista e activismo republicano)”. Porén, será Xosé Álvarez, nun traballo sobre o masacre de Salcedo de 1894, quen demostrará esa participación dos militantes operarios e agrarios nas protestas vividas nesa década na cidade, ficando acreditado que á altura de 1892 xa se contaba cun vizoso movemento asociativo, con diversas sociedades operando nas súas parroquias desde 1899, tal e como recoñecían a prensa republicana e a cuxa fronte se atopaban dirixentes de recoñecida práctica antiquenda, como Pintos Lucas, o albanel portugués Balchada Sousa ou Lorenzo Montes.

Comentarios