A revista Erregueté inicia unha "etapa de resistencia"

A Revista Galega de Teatro - Erregueté anuncia que pasará de publicar catro números por ano a dous, por mor da falta de apoio económico institucional.
Salón Teatro (Consellaría de Cultura)
photo_camera Salón Teatro (Consellaría de Cultura)

O editorial do novo número da Revista Galega de Teatro - Erregueté, asinado pola directora, Vanesa Sotelo, anuncia que o proxecto está "como ente vivo, en risco de desaparición material". Afogada pola retirada de apoios económicos institucionais, Sotelo denuncia que "as axudas para facer posíbel a súa continuidade en papel diminúen en sentido inversamente proporcional aos proxectos que emprende e aos esforzos altruístas que diariamente inviste para desenvolvelos".

Neste contexto, a Erregueté declara verse na obriga de reducir o número de publicacións por ano, pasando das catro actuais a só dúas. Para alén da nova periodicidade, promete manter as seccións habituais, incluíndo dous textos de creación en cada número co obxecto de asegurar a saída de catro títulos cada ano e manter o compromiso na difusión da dramaturxia galega contemporánea e da tradución de novas pezas. A revista afronta así o que a directora define como unha "etapa de resistencia de duración e consecuencias descoñecidas". 

Ameaza unha iniciativa con 36 anos de historia

A Erregueté é un proxecto que viu a luz en 1983, contanto a súa "prehistoria" no Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega. A creación foi promovida, entre outras, pola sección de Vigo da Escola Dramática Galega, con sede na Coruña. A partir do número 11 adoptou o nome de Revista Galega de Teatro. Actualmente constitúe a única publicación periódica dedicada integramente ao teatro galego. Editada por Entre Bambalinas, conxuga información, creación, divulgación e investigación.

Comentarios