Crítica de Cinema

O reverendo, por Andrés Castro

Mary recorre ao reverendo Toller preocupada porque o seu marido comezou ter pensamentos suicidas. Non pode soportar traer unha criatura a un mundo a piques de se extinguir por mor da imparable contaminación industrial. Este razoamento provocará en Toller unha profunda crise de fe.

o reverendo

Paul Schrader foi criado no seo dunha estrita familia calvinista. Esta circunstancia, ademais de marcarlle de por vida, fixo que tivera prohibido achegarse unha sala de cinema ata que obtivo a maioría de idade, o cal non lle impediu –ou quizais xusto foi por iso– estudar cine e converterse nun dos guionistas e cineastas máis reputados de Hollywood. A ríxida educación ultrarelixiosa de Schrader influenciou notablemente a súa maneira de afrontar os proxectos nos que participaba sobre todo no tocante á relixión, a familia ou a educación, cuestións evidentes nas adaptacións dos libretos de A Costa dos Mosquitos (1986, Peter Weir) ou A última tentación de Cristo (1988, Martin Scorsese), por exemplo. Agora, con O reverendo, semella querer axustar contas co pasado a través dun guión que afonda, precisamente, na deriva cara o escepticismo relixioso.

Centra a trama nun reverendo dunha pequena “Igrexa reformada” -é dicir, protestante calvinista-, situada ao norte de Nova Iorque. Unha freguesa embarazada contacta con el alarmada porque o seu marido comezou ter pensamentos suicidas. O reverendo concerta unha entrevista tratando de convencelo, mais o mozo, un ecoloxista radical, exponlle unha idea incuestionábel: ninguén debería traer ao mundo unha criatura sabedor do pouco tempo que lle queda á Terra por mor do imparable efecto invernadoiro que provocará un apocalipse natural que acabará coa raza humana. Esta conversa, á que só lle falta que soe de fondo o “Pueblos del mundo extinguíos” de Siniestro Total, provoca unha forte crise de fe no reverendo.

Ethan Hawke (Gattaca, Boyhood) ponse na pel deste reverendo en plena transición xeométrica de ideais creacionistas a un preservacionismo ecoloxista do máis radical. A evolución da personaxe conta con bastantes paralelismos co Travis Bickle de Taxi Driver (1976, Martin Scorsese), non por nada Schrader foi tamén autor daquel guión. Dálle a réplica unha Amanda Seyfried (In Time, Mamma Mia!), que estivo grávida de verdade durante a rodaxe, e máis o comediante Cedric Antonio Kyles (Vacacións en familia, A barbería), máis coñecido como “Cedric the Entertainer”. Aquí deixa a comedia e ponse bastante serio nun intento, bastante conseguido, de dar un xiro de 180 graos a súa irregular carreira.

Os acontecementos transcorren nos nosos días mais a sensación é de estar a ver un filme clásico. Un premeditado aspecto de pantalla en formato 1:37.1 –formato cadrado, para entendernos–, así coma os títulos de crédito iniciais baseados en como se facían entre os anos 30 e 50, provocan esta sensación transportando o subconsciente directamente a un pasado (cinematográfico). Esta estética queda reforzada tamén cun estilo de realización “antigo”, abundante en planos medios e contraplanos, que apuntalan, aínda máis, as reminiscencias argumentais á filmografía de cineastas tan venerados como Ingmar Bergman (Os comulgantes), Andrei Tarkovsky (Sacrificio) ou Carl Theodor Dreyer (Ordet), nada menos...

Crítica eclesiástica, teoloxía, ecoloxismo, medio ambiente, crise de identidade, remorsos, ansiedade, descontrol emocional... Un descenso aos infernos da razón dun individuo que se vai decatando que todo o que tiña por certo se cambalea sen remedio. Un dos traballos máis persoais e particulares de Paul Schrader cun desenlace tan abrupto como estimulante. Memorable final que semella querer representar con imaxes o retrouso da canción de Neil Young, que ademais forma parte da banda sonora: “Who gonna stand up and save the Earth? / This all starts with you and me” (“Quen vai permanecer en pé e salvar a Terra? / Todo comeza contigo e comigo”). Pois iso...

O Reverendo (First Reformed)

(EUA 2017, 93 min.)

Dirección e guión: Paul Schrader

Fotografía: Alexander Dynan

Música: Nicci Kasper e Brian Williams

Elenco: Ethan Hawke, Amanda Seyfried, Cedric Antonio Kyles, Philip Ettinger, Michael Gaston, Victoria Hill, Sue Jean Kim

Comentarios