Do 9 ao 11 de agosto en Vilaxoán

O Revenidas en cinco imperdíbeis

Máis de trinta bandas e artistas ateigarán, entre o 9 e o 11 de agosto, o porto e o parque de Dona Concha en Vilaxoán. O festival Revenidas volve reunir un cartel de espírito punk, incitación ao baile e música de máis ou menos combate, entre o hip hop de Rebeliom do Inframundo ao tropicalismo galaico de Los Jinetes del Trópico. As entradas custan 25 euros por día ou 41 un abono para as tres xornadas. Velaquí cinco concertos imperdíbeis na cita arousá:
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera A banda ucraíno estadounidense Gogol Bordello en concerto. Foto: cedida.

Gatillazo (sábado). Gatillazo son La Polla despois de La Polla aínda que agora La Polla está de volta. É o proxecto que ergueu o carismático vasco galego Evaristo Páramos finiquitada a traxectoria dos responsábeis de pezas mestras do punk ibérico como Salve (1984), Revolución (1985), No somos nada (1987). Profunda nas mesmas chaves: aires Dead Kennedys, ilustrada lírica de combate, salvaxe sarcasmo. E en directo non esquecen os clásicos de La Polla.cartaz revenidas

Skacha (sábado). Hai uns meses, Skacha anunciou por sorpresa o seu regreso aos escenarios despois de nove anos parada. Street punk de barrio vigués, orgullo obreiro e apoloxía da desobediencia, cinco gravacións puntúan a existencia dunha banda sempre á marxe dos circuítos convencionais e que, aínda así, xunta unha nutrida freguesía de incondicionais. Desde Catro (2010) non publica música nova.

Gogol Bordello (domingo). O disco de 2005 que situou esta banda ucraíno estadounidense no mapa sintetizaba no título a súa proposta: Gipsy Punk [Punk Xitano]. Descendente directa do santoral Mano Negra, The Pogues e The Clash, as súas aceleradísimas actuacións concentran elevada enerxía, ambiente festeiro desbocado e o espectáculo inigualábel do seu líder, Eugene Hütz. O seu último traballo é Seekers and Finders (2017).

Bastards On Parade (domingo). Se a crítica fala de folk punk para se referir aos fillos bravos de Shane MacGowan, cos coruñeses Bastards on Parade cómpre darlle a volta ao sintagma. O seu punk folk celta emparenta con referencias do subxénero como os estadounidenses Dropkick Murphys. Cara á liberdade titúlase a súa gravación de estudio do pasado ano, en que bourean guitarras eléctricas, sección rítmica de batería e baixo, gaitas e acordeón.

O Leo i Arremecághona (domingo). Cantautor punk, trobador antifolk, músico vagabundo e militante que reivindica por igual Billy Bragg e Suso Vaamonde, Son House e Mini e Mero, The Birthday Party e Radio Océano. Ducias de concertos ao ano, en bares e festivais, en centros sociais e auditorios públicos, canalizan a súa agudísima lírica, pura intelixencia e un axustado retrato do país.

Comentarios