Opinión

Retrocesos e banalidade

O 8 de marzo é o Día internacional da Muller traballadora desde fai de 100 anos. Data dedicada desde os inicios ao recoñecemento e reivindicación dos dereitos das mulleres. Dedicado a lembrar que os dereitos laborais, políticos, sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres non son un agasallo de ninguén senón unha conquista con pasos adiante e, tamén, atrás.

O 8 de marzo é o Día internacional da Muller traballadora desde fai de 100 anos. Data dedicada desde os inicios ao recoñecemento e reivindicación dos dereitos das mulleres. Dedicado a lembrar que os dereitos laborais, políticos, sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres non son un agasallo de ninguén senón unha conquista con pasos adiante e, tamén, atrás.

"A todos os retrocesos acumulados neste anos de crise agora toca sumar o furto do dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade".

Para min o 8 de marzo non se celebra o feito de ser muller, por moito que as tendas fagan ofertas publicitarias ou sexa un reclamo de marketing máis. Eu nesta data gosto de lembrar as sufraxistas, as mulleres obreiras, as máis de 140 mozas que morreron queimadas nun marzo de 1911 na fábricas de camisas Triangle Shirtwaist reivindicando dereitos laborais mentres os propietarios pechaban as portas,  as conserveiras galegas, as mulleres labregas que no teñen cotitularidade, as empregadas do fogar precarizadas, as mulleres con fillos e fillas en traballos vulnerábeis, as mulleres desangradas despois de padecer un aborto inseguro, as nenas abusadas e violadas ante a impunidade e hipocrisía social. 

Hoxe as mulleres son moito máis desiguais na desigualdade social imposta que fai cinco anos. A perversión capitalista que vivimos fai que no estado español o 21,4% das mulleres empregadas estean nos empregos de salarios máis baixos fronte ao 9% dos homes, que a fenda salarial non se elimine senón que siga medrando. As nosas mozas galegas optaron por liscar do país: desde o 2008 segundo os datos publicados está semana pola Secretaría da muller da CIG foron 58.000 as que fixeron as maletas. Que desastre! As mulleres que fican en Galiza sofren taxas de actividade 11 puntos menores que os homes e viron como medrou a xornada a tempo parcial mentres 25.600 perderon a xornada completa. 
Con menor independencia económica e os servizos públicos recortados ou directamente eliminados o balanzo deste 8 de marzo é bastante desolador. De feito, resultoume case unha burla que teñamos que parabenizarnos de que o número de mulleres aumentara nos consellos de administracións até un 16%.

"A historia ensínanos que o conseguido polas mulleres pode borrarse coa facilidade que se redactan as leis polos patriarcas da tribo". 

Sempre defendín e defendo a presenza das mulleres en todos os espazos de decisión e poder mais estamos obrigadas a preguntarmonos para que conquistar espazos. Mulleres que en moitos casos criticaron as leis de igualdade, e que grazas as mesmas poden estar nas súas cadeiras de toma de decisións, esqueceron ao resto das mulleres traballadoras que o único que coñecen do teito de cristal é o que limpan nas súas casas na súa dupla ou tripla xornada.

A todos os retrocesos acumulados neste anos de crise agora toca sumar o furto do dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade. Estou certa que moitas das mulleres que percorrerán o domingo as rúas de Compostela berrando polo dereito ao aborto fai pouco tempo non albiscaban tal panorama retrógrado nin no pior dos pesadelos.

Vivimos unha grande banalización do 8 de marzo que toma corpo esperpéntico cando se convirte en reclamo comercial ou lúdico na exaltación do “ser muller”. Pode que a nosa realidade diste moito da de Clara Zetkin cando propuxo conmemorar este día, mais temos motivos de sobra para saír a rúa a defender os nosos dereitos e a conmemorar a todas aquelas que o fixeron previamente. A historia ensínanos que o conseguido polas mulleres pode borrarse coa facilidade que se redactan as leis polos patriarcas da tribo. 

Comentarios