Cultura

Un retrato colectivo e audiovisual da corentena

O proxecto documental 'Xanela', xurdido no confinamento da man de Gancho Producións, pretende xerar un audiovisual, de duración aínda incerta, que vire nunha ollada múltiple arredor de como se viviu a corentena e a entrada na nova normalidade. Até o 1 de xullo aínda se poden facer achegas
Fotograma dun dos vídeos recibidos por Gancho.
photo_camera Fotograma dun dos vídeos recibidos por Gancho.

Un retrato colectivo da corentena. Ese é o obxectivo co que nace a iniciativa documental Xanela, cun anuncio en pleno confinamento a través das redes sociais na procura de material audiovisual diverso, que recollese a vida cotiá das persoas durante estes tempos convulsos. Se ben o encerro pasou, aínda é posíbel participar até o 1 de xullo, coas instrucións dispoñíbeis a través de Facebook, Instagram ou Twitter. Tamén aceptan imaxes, mensaxes de Whatsapp, audios ou calquera detalle que nos mantivese en conexión.

A chamada destes materiais  domésticos, que fai caer o proxecto da banda dun found footage [metraxe atopado] autorizado ou por encarga, implicará que todas as persoas participantes sexan en parte "codirectoras", explica Isaac Rivadulla. El atópase detrás deste proxecto xunto ao resto do colectivo audiovisual Gancho, no que o acompañan Ariadna Silva Fernández, Manuel García Vicente e André Díaz Cerviño.

A idea desta compilación xur-diu, loxicamente, durante o confinamento, mentres comentaban a través de videochamada o que facer após estes tempos de pandemia. Malia que até este momento traballaran fundamentalmente máis no eido da ficción (fóra dalgunhas reportaxes sociais), levaban tempo con ganas de facer algo dentro do rexistro máis documental, confesa Rivadulla. Pero faltáballes un tema. E coa crise sanitaria a resposta apareceu soa.

Un sentir común

A absoluta liberdade creativa foi a máxima coa que fixeron a súa chamada á colaboración cidadá para que lles mandase vídeos, de calquera tipo, sobre o seu confinamento. O material enviado pode ser "calquera cousa" vencellada a como se viviu a situación de encerro ou o camiño cara a esa "nova normalidade".

A recepción de arquivos, explica Revadulla, foi por vagas, cun momento inicial moi forte seguido dun certo estancamento, o que os levou a empurrar de novo a través das redes sociais. En principio, móstranse "máis ou menos contentos" coa cantidade de material no que, malia o heteroxéneo, atopan xa motivos que se repiten, como o do exercicio ou a reflexión sobre as anomalías do presente. A pesar de que cada óptica é única, "non é algo tan diferente", comenta Rivadulla, pois ao tratarse dunha mesma situación atopan un certo "sentir común" que se manifesta desde realidades e contextos diversos. Aínda que se centran na Galiza, tamén recibiron vídeos de fóra, co que se aprecia a fonda diferenza entre rural e cidade, por exemplo.

Vertixes da montaxe

Agora, a piques de fechar a re- cepción de vídeos, enfróntanse ao proceso de escolma e montaxe. A estas alturas resulta moi complexo vaticinar o resultado final, mais a idea é que acabe a disposición da cidadanía da que xurdiu. "Non sabemos que vai saír de aquí, se algo de 20 minutos ou de cinco", comenta Rivadulla.

Esta incerteza implica "un reto emocionante, pero que ao tempo dá algo de medo, porque hai que ter moito respecto polo que envía a xente, mais desde a consciencia de que imos crear algo novo", di. Deste equilibrio chegará un retrato duns tempos estraños, forzado na ollada múltiple e no ronsel doutros documentais colaborativos, como Spain in a day, de Isabel Coixet.

Comentarios