DESAFÍO 48 HORAS

O reto de falar galego durante dous días seguidos

O IES María Casares de Oleiros impulsa unha iniciativa para tentar potenciar o uso da lingua galega entre os seus alumnas e alumnos. Os estudantes participantes deben, hoxe e mañá, falar e tomar notas na lingua nai.

desafio48h
photo_camera [Imaxe: Cedida]. Chapa que levan pendurada os participantes na iniciativa

Falar galego durante 48 horas. Este é o desafío que está tendo lugar hoxe, e que continuará tamén durante toda a xornada de mañá, no IES María Casares de Oleiros. Unha iniciativa que xorde para fomentar o uso do galego entre os case 600 estudantes que ten o centro.

Un total de 200 alumnas e alumnos están participando neste reto (ante as expectativas iniciais de acadar 30 implicados), para o cal deberon asinar previamente o “Contrato de compromiso lingüístico”, un convenio no cal estipularon o seu nivel de implicación no desafío.

Á hora de asinar, toda a rapazada puido escoller entre as opcións “progalego” e “progalegoplus”. Elixindo a primeira comprometéronse, durante estas dúas xornadas, a falar a lingua nai no instituto, tomar apuntes e anotar as impresións que van tendo. Asinando a segunda opción (o cal fixo a súa maioría) implicáronse en falar en galego tamén fóra do centro e a utilizar wpp e as redes socias neste mesmo idioma.

No contrato, o alumnado tamén puido marcar se ía tentar descubrir música no noso idioma, así como se ía configurar o móbil (no caso dos android) e aplicacións como gmail, drive, etc en galego.

O inzo desta idea sementouna o profesorado, entre o que se atopa Nel Vidal, que lle formulou ao alumnado o reto de falar galego durante dous dias completos. E estes estendérono, á súa vez, como un desafío a todo o centro.

As paredes, cadeiras, portas e mesas do instituto apareceron empapeladas con post-its hai uns días. As lendas “atréveste?”, “aceptas o cambio?” ou “mudas de pel”, entre outras, cubriron todo a institución sen máis explicación que un “48h” acompañándoas.

Así mesmo, tamén se desenvolveron outras accións co fin de seguir outorgándolle visibilidade á iniciativa. O equipo de normalización tirou avións con máis lendas, pintou encerados e pegou multitude de carteis, feitos cos cales conseguiron que as e os estudantes se interesasen polo misterioso desafío.

Comentarios